Skip to main content

A Prefeitura de Santana do Livramento visita o Punto Limpo de Vilagarcía no marco do proxecto de cooperación promovido polo Eixo Atlántico

A Prefeitura de Santana do Livramento visita o Punto Limpo de Vilagarcía no marco do proxecto de cooperación promovido polo Eixo Atlántico

O Punto Limpo de Vilagarcía recibiu a visita de técnicos da Prefeitura de Santana do Livramento que, a través dun proxecto de cooperación promovido polo Eixo Atlántico, están buscando referentes para aplicar na cidade brasileira estratexias que promovan un desenvolvemento urbano integrado e sostible e melloraren a calidade de vida dos seus habitantes

Os concelleiros de Servizos e Xestión de Residuos, Lino Mouriño, e de Medio Ambiente, Diego García, acompañaron aos técnicos brasileiros na visita na que tamén participou persoal do Eixo Atlántico e do Concello.

A visita a Pinar do Rei enmarcouse na procura de prácticas de economía circular que os brasileiros poidan aplicar na xestión dos residuos sólidos urbanos dende unha perspectiva de economía social e de inclusión cidadá innovadora, orientada á dignificación e á valorización da intervención dos sectores poboacionais máis desfavorecidos e vulnerables.

Carina Farias, responsable do proxecto e arquitecta da Prefeitura de Santana do Livramento, e Eloi Luft, responsable da xestión de residuos na mesma administración, recibiron as explicacións sobre o funcionamento do Punto Limpo da man do encargado do servizo e dos mestres composteiros do Concello, que expuxeron o sistema de separado dos residuos e o proceso de selección de distintos materiais para a súa posterior reutilización ou reciclado en plantas autorizadas ou, de ser o caso, para a súa eliminación de forma segura e sostible, tamén a cargo de centros homologados.

Coa denominación de "Fronteira da Paz Sustentável", o proxecto a desenvolver en Santana do Livramento e Rivera (Uruguai) céntrase nunha estratexia de cidade integrada, participada por todos os sectores da poboación e con impacto en todo o seu territorio urbano, de xeito que promova un crecemento máis harmonioso e equilibrado.Esta iniciativa de cooperación internacional proposta polo Eixo Atlántico conta con financiamento da Unión Europea e promove o desenvolvemento urbano integrado a través da participación entre as institucións locais, os Estados membros da UE e os países adheridos, de acordo coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da ONU.