A crise económica asociada á pandemia da Covid-19 reduciu o número de empresas activas na Eurorrexión un 9,4% no terceiro trimestre do 2020
5 febreiro 2021. A crise económica asociada á pandemia da Covid-19 reduciu o número de empresas activas na Eurorrexión un 9,4% no terceiro trimestre do 2020, segundo os últimos datos do Foro Económico de Galicia: un 11,9% no norte de Portugal e un 5% en Galicia. Ante esta situación, a posta en marcha de políticas por parte dos municipios para apoiar a súa actividade económica e poboación local gaña aínda máis importancia.
Os entes locais son os máis próximos ás empresas de cada localidade, polo que poden proporcionar información máis detallada sobre a súa actividade económica e deseñar políticas e solucións específicas para cada lugar. Moitos dos territorios do Eixo Atlántico, como a cámara municipal de Maia ou os concellos da Coruña ou Lugo, veñen de por en marcha un paquete de medidas para atenuar os efectos da crise.
No caso de Maia, as iniciativas abranguen desde o apoio en competencias de saúde e economía, que pertencen normalmente ao goberno central, así como o aporte directo ás empresas a través de programas específicos de apoio ás pequenas empresas e microempresas, por valor de 1,2 millóns de euros a fondo perdido para a súa financiación. Na cidade do Lugo está activo un plan de 5 millóns de euros para aportar liquidez á actividade empresarial e aos traballadores autónomos, e noutros lugares, como a cidade da Coruña, o concello activa axudas directas que poden ser solicitadas polos sectores máis afectados como a hostalaría e o comercio.
Ata finais do 2020, a economía do Eixo Atlántico contráese de xeito xeneralizado, cunha baixada do produto interior bruto do 6,2% no terceiro trimestre do 2020 en Galicia e un 10% en Portugal, reducións que se sitúan por riba da media da Unión Europea, establecida no -4,2%.
Con todo, o norte de Portugal conta con 153,5 empresas por cada mil profesionais activos e Galicia con 124,3, o que supón un aumento nas entidades con respecto ao final da crise económica de 2008. Entón contaban con 135,9 e 115,9 empresas por cada mil traballadores, respectivamente, tal como recolle o informe de conxuntura socioeconómica do Foro Económico de Galicia.
O emprego tamén está sufrindo as consecuencias da crise. As cifras de desemprego no 2020 en Portugal sitúanse no 13,09%, aínda que por debaixo da previsións. En Galicia, a taxa de paro é do 11,7% no cuarto trimestre do 2020. O teletraballo xeneralizouse nos últimos meses ante a crise sanitaria, aínda que con diferencias na súa aplicación. No país luso, por exemplo, as empresas do sector servizos de máis de 250 traballadores están obrigados a ter unha lista dos traballadores que para empresa son esenciais e deben manter a presencialidade.
Para paliar a situación, os especialistas reclaman axudas que vaian máis aló dos expedientes de regulación temporal de emprego e sinalan como fundamental o desenvolvemento de axudas ás empresas e a financiación en forma de subvencións para que sexa posible manter a actividade económica.