A experiencia do Eixo Atlántico protagoniza o encontro do Observatorio de Fronteiras Brasil – Uruguai.
- O secretario xeral expuxo a experiencia de 25 anos da entidade de cooperación transfronteiriza na conferencia inaugural
- O secretario xeral do Eixo Atlántico, por invitación do Observatorio de Fronteiras Brasil – Uruguai, foi o protagonista na conferencia inaugural no marco da reunión do Comité Binacional de Fronteiras de Intendentes e Prefeitos que está a ter lugar estes días na poboación uruguaia de Rivera.
Xoán Vázquez Mao, diante dun aforo de alcaldes de ámbolos dous países, membros do sector empresarial e representantes da Administración Central, expuxo a cooperación como unha estratexia de desenvolvemento para os territorios de fronteira en base á experiencia e ao modelo desenvolto polo Eixo Atlántico durante os seus 25 anos de experiencia. Esta sesión foi presentada polos alcaldes de Rivera (Uruguai) e Santana do Livramento (Brasil).
O Observatorio de Fronteiras é unha ferramenta para fortalecer as capacidades institucionais mediante a definición e execución de políticas públicas transfronteirizas entre Uruguai e Brasil, identificando proxectos de integración, complementación produtiva e cooperación e promovendo a asociación de actores públicos e privados. Ademais impulsa as axendas binacionais transfronteirizas entre Uruguai e Brasil, con especial atención á política transfronteiriza de infraestrutura a través da Comisión Mixta da Laguna Merim.
O Observatorio está integrado polo Banco de Desenvolvemento de América Latina (CAF) e o Cefir, Centro de Formación para a Integración Rexional creado en 1993 coma un espazo de dialogo institucional e unha ferramenta para o fortalecemento dos procesos de integración rexional transfronteiriza, con un papel moi activo na constitución do Mercosur.
Precisamente, membros do Observatorio participaron en outubro de 2014 nunha visita á Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal a instancias da Comisión Europea, que propuxo ao Eixo Atlántico como organizador da visita, á que tamén asistiron membros do Goberno de Brasil.
Experiencias como a Eurocidade Chaves – Verín, a comisaría conxunta de Policía de Tui, as políticas de infraestruturas (coma o tren Vigo – Porto) ou os programas culturais e deportivos do Eixo Atlántico, abriron á delegación brasileira todo un abano de posibilidades e expectativas que poidan servir de inspiración para as actuacións a desenvolver nas súas fronteiras.
O traballo mantido durante estes anos tradúcese en novas pautas de actuación que poderían ser viables e financiadas polos programas de cooperación que a Comisión Europea está a impulsar en América Latina e onde as políticas de cooperación transfronteiriza son un dos eixos centrais.
A aprobación da Axenda Urbana e o debate que se celebrou en Braga en xuño deste ano xunto a celebración do 25 aniversario do Eixo Atlántico foron algún dos elementos determinantes para o convite ao secretario xeral e sobre os que os alcaldes do Observatorio de Fronteiras mostraron un maior interese.
Posteriormente o secretario xeral pronunciou, na veciña localidade de Santana do Livramento (Brasil), unha conferencia aberta a todo o público sobre as experiencias concretas de cooperación e, en particular, sobre a cooperación de proximidade: Eurocidade Chaves – Verín e as estratexias de recursos e programas compartidos.
Durante a súa estancia entre Rivera e Santana do Livramento o secretario xeral do Eixo mantivo reunións con dirixentes de entidades uruguaias e brasileiras, tanto da Asociación de Intendentes coma da Organización dos Prefeitos do Estado de Río Grande do Sur (Brasil, cos cales se estableceu un calendario de traballo que se vai iniciar o vindeiro ano coa organización dun Foro Transatlántico de Cooperación Transfronteriza Municipal
Reunión co goberno arxentino
Con carácter previo ao seu desprazamento a Uruguai, Vázquez Mao mantivo unha reunión en Bos Aires co secretario xeral de Fronteiras de Arxentina, Luis Green e con Ramón Ortellado, secretario xeral de Bripam (Bloque Rexional de Intendentes, Prefeitos e alcaldes de Mercosur), unha entidade que integra a máis de 600 representantes de cidades e poboacións que conforman as zonas de fronteira entre países de Mercosur e de maneira especial a fronteira de Uruguai, Paraguai, Arxentina e Brasil.
Nesta reunión tamén se analizou un posible calendario de actuacións conxuntas enmarcadas nas políticas que a Comisión Europea vai a financiar en América Latina, onde o Eixo Atlántico pode aportar unha asistencia técnica de grande valor engadido.
Dende o punto de vista da Eurorrexión o Eixo Atlántico pretende impulsar un Foro Transatlántico de Cooperación entre autoridades locais (coa participación do sector empresarial e a Universidade) que aproveite as oportunidades que abre o financiamento da Comisión Europea e impulse acordos en materia de comercio, educación, cultura, turismo e política medioambiental e de innovación, onde os intereses das cidades de Galicia e do norte de Portugal estean representados.
Tradicionalmente as políticas de cooperación foron desenvolvidas polos ministerios de Asuntos Exteriores, circunscribíndose normalmente aos intereses do Estado ou das grandes cidades e capitais. Neste contexto, a inexistencia dunha acción exterior de Galicia e a desaparición das iniciativas no ámbito de Latinoamérica impulsadas polos gobernos de Laxe ou Fraga Iribarne determinaron a creación de estratexias neste ámbito polo Eixo Atlántico, que contes coa participación dos axentes locais que non ocorre no ámbito da acción exterior, polo menos en Galicia.
Galería imaxes