A Coruña acolle o lanzamento oficial do proxecto europeo Atlantic Bridges, exemplo na integración porto-cidade

A cidade da Coruña acolleu o acto de lanzamento de Atlantic Bridges, un proxecto liderado polo Eixo Atlántico e cofinanciado polo programa Interreg Espazo Atlántico, que aposta por un novo modelo de desenvolvemento urbano sostible nas cidades costeiras europeas
A iniciativa ten como obxectivo integrar o mar e os espazos portuarios na vida urbana, promovendo a cohesión social, a sustentabilidade ambiental e a dinamización económica das cidades atlánticas.
Durante a xornada de lanzamento, celebrouse unha visita técnica ao Porto da Coruña, recoñecido como boa práctica a nivel europeo na integración porto-cidade. Participaron, entre outros, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica da Coruña, José Manuel Lage Tuñas; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e o ex secretario de Estado do Mar de Portugal, José Maria Costa.
Un consorcio transnacional para unha visión compartida
O proxecto Atlantic Bridges está composto por socios de distintos países do arco atlántico europeo, representando os catro sectores clave da chamada cuádruple hélice (administracións públicas, sector empresarial, ámbito académico e sociedade civil):
- Les Sables-d'Olonne (Francia)
- Atlantic Technological University (Irlanda)
- Porto de Aveiro (Portugal)
- EM Normandie (Francia)
- E o Eixo Atlántico, como entidade coordinadora
Atlantic Bridges enfronta retos comúns ás cidades costeiras —como o cambio climático, a presión urbanística ou a necesidade de cohesión social— a través dun enfoque baseado na tripla transición: ecolóxica, económica e social. O proxecto inspírase nos principios do Novo Bauhaus Europeo, promovendo a participación cidadá e deseñando territorios máis sostibles, resilientes e inclusivos.
A Coruña, modelo de transformación urbana
A participación da Coruña no proxecto insírese na estratexia do Goberno municipal liderado por Inés Rey, centrada na recuperación da fachada marítima e na apertura progresiva dos peiraos á cidadanía. Estas actuacións están recollidas no proxecto Coruña Marítima, unha das pezas clave da transformación urbana da cidade.
Atlantic Bridges representa unha oportunidade para compartir experiencias, crear redes de cooperación e avanzar cara a un novo modelo de cidade atlántica, máis integrada co mar e preparada para os retos do futuro.