A Comisión Europea confirma que o Goberno español solicitou a inclusión do treito Ourense-Monforte-Palencia na rede europea de transportes, reivindicación histórica do Eixo Atlántico
Medio cento de dirixentes de Galicia e o Bierzo reúnense no Barco de Valdeorras para pedir que a liña Monforte Palencia se integre no corredor europeo do Atlántico
Máis de cincuenta dirixentes sociais, económicos, empresariais e políticos do Galicia , o Bierzo e Astorga , reuníronse no Barco de Valdeorras convocados polo Eixo Atlántico e o alcalde do Barco, Alfredo García, que tamén é o presidente da entidade, para reclamar que a liña Monforte-Palencia se integre no corredor Atlántico e por tanto se destinen os fondos europeos previstos para o corredor a modernizar e facer competitiva a conexión ferroviaria que o Eixo Atlántico bautizou como “T deitada”: a liña Lugo- Ourense e a súa conexión desde Monforte con Palencia onde confluiría coa liña principal que vén de Aveiro, xa aprobada pola Comisión Europea a proposta dos gobernos de Portugal e España.
Esta liña é determinante para o futuro dos portos galegos e segundo opinión unánime dos expertos deben concentrar as mercadorías en Monforte para desde alí articular polo menos un tren diario de 700 metros de lonxitude que poña as mercadorías na fronteira francesa en tempo competitivo coas conexións do Mediterráneo e doutros portos europeos.
Como efecto colateral, a modernización desta liña compatible para mercadorías e pasaxeiros permitiría tamén facer competitivo o tren Alvia que comunica Galicia con Barcelona a través do Barco de Valdeorras , Ponferrada e Astorga.
A reunión iniciouse coas intervencións do secretario xeral do Eixo que explicou o carácter estratéxico da liña para toda Galicia. A continuación o director da representación da Comisión Europea en Barcelona, Ferrán Tarradellas, explicou a situación dos corredores europeos e das conexións que afectan o noroeste peninsular e anunciou que o Goberno español incluíu a liña Ourense-Monforte-Palencia, na proposta do Corredor Atlántico para a Rede Europea de Transporte e que en 2018 haberá unha revisión dos corredores aprobados por Bruxelas polo que se podería incluír e acceder ao financiamento europeo para a súa posta en marcha.
Esta xornada tamén contou coa participación de Manuel Besteiro, da Dirección Internacional de Adif e xestor do corredor Atlántico, que fixo unha análise das infraestruturas ferroviarias existentes e puxo en valor a oportunidade que supón o Corredor Atlántico para a fixación de empresas e poboación no interior.
Por último, tomaron a palabra Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta e asesor en materia portuaria e Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático de Ferrocarrís e asesor do Eixo en materia ferroviaria.
No seu conxunto oscatro expertos trasladaron aos asistentes a situación exacta da liña, e o seu impacto económico tanto en Galicia como no Bierzo.
A reunión contou coa asistencia do portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, e do Partido Socialista, Xaquín Fernández Leiceaga. Tamén asistiu José Antonio Neira Cortés, secretario xeral en funcións da CEG, o presidente de Kaleido Logistics, entidade representativa do Clúster da Loxística e o presidente do Clúster da Pizarra, o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, a presidenta dos empresarios de Valdeorras, CCOO e UXT, a Deputación de Lugo e de Ourense, o alcalde de Monforte, a alcaldesa de Ponferrada, o Tenente de Alcalde de Astorga, os Concellos de Lugo e Ourense e alcaldes dos concellos do percorrido do tren, tanto de Lugo e Ourense como do Bierzo e a Maragatería.
Neste sentido chamou poderosamente a atención a ausencia de representantes dos portos galegos e moi especialmente a ausencia de representantes da Xunta de Galicia que declinou a invitación cursada a Ethel Vázquez por razóns de axenda.
O secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, lamentou “a falta de compromiso do Goberno galego co interior de Galicia xa que nin estiveron na reunión en defensa do Porto Seco de Monforte , nin na da liña do tren, esenciais ambos para a supervivencia dos portos galegos e do interior de Galicia”.
Na segunda parte da reunión e tras un debate político de case dúas horas, acordouse pedir unha entrevista co ministro de Fomento para ofrecer a colaboración das institucións e facer un seguimento do proceso ata a consecución do financiamento.
Vázquez Mao alertou contra outras liñas para as que está a pedir apoio a Xunta aos concellos r advertiu de que expor unha segunda liña cando aínda non se conseguiu a primeira condea ás dúas e reproduce o erro histórico dos aeroportos galegos.” O futuro dos portos e da Galicia interior pasa por conectar todo o esforzo na liña Monforte-Palencia”. Para finalizar, o secretario xeral lamentou que o Goberno galego siga sen coñecer as necesidades reais de Galicia porque nunca se parou a facer análise da ordenación do territorio.
En palabras do Alcalde do Barco, “hoxe no Barco falouse do futuro de Galicia na súa totalidade, non só do interior”.
GALERÍA DE FOTOS
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/a-comision-europea-confirma-que-o-goberno-espanol-solicitou-a-inclusion-do-treito-ourense-monforte-palencia-na-rede-europea-de-transportes-reivindicacion-historica-do-eixo-atlantico#sigProId6d785d832a