Skip to main content

A Bienal de Pintura poderá ser visitada virtualmente

A Bienal de Pintura poderá ser visitada virtualmente

A XIII Edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, cuxa entrega de premios realizouse en Mirandela, inclúe, como novidade, a posibilidade de facer un percorrido virtual pola exposición

O percorrido virtual está totalmente personalizado de forma que calquera persoa pode elixir como percorrela. Cada cadro contén un globo de información cos datos da obra e o autor.

Esta visita virtual está xa dispoñible a través da páxina web do Eixo Atlántico

As obras mostráronse, fisicamente no Museo Municipal Armindo Teixeira Lopes desde o pasado 5 de xaneiro até o 1 de febreiro en que se realizou á entrega de premios desta edición.

Ao acto asistiron Júlia Rodrigues, alcaldesa de Mirandela, diversas autoridades da cidade e Xoán Vázquez Mao, Secretario Xeral do Eixo Atlántico, xunto cos representantes do IPDJ e da Secretaría Xeral da Xunta.

Tras visualizar 119 obras inscritas e seleccionar 30 delas, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio como “Mellor obra do certame” a Coração Resiliente, de Tito Senna e, no segundo posto, a Betty, de Fruela Alonso Branco. Ademais, o Premio Novos Talentos recibiuno “As cancións de mariñeiros que falan de liberdade escríbeas xente da terra”, de Breogán Torres Gutiérrez. Doutra banda, realizáronse cinco Mencions de Honra.

O recoñecido artista Antón Pulido presidiu o xurado que, á súa vez, estivo composto por Marta Ferreira, secretaria, e catro vocais, Carlos López Bernárdez, Helena Mendes Pereira, Patrícia Oliveira e Fátima Teles.

A exposición poderase visitar a partir do 4 de febreiro en Barcelos, Viana do Castelo, Monforte de Lemos, Maia e a Deputación de Ourense, até o mes de agosto

Tras 25 anos, a Bienal de Pintura consolídase como unha oportunidade para que os artistas do Eixo Atlántico gocen dun recoñecemento profesional e é unha plataforma de lanzamento de novos pintores da Eurorexión. Nesta edición os galardóns ascenden a 4.000 euros para a mellor obra do certame, 2.000 euros para o 2º premio e 1.500 para o Premio Novos Talentos Luso-galaicos.

Visite a XIII Bienal de Pintura de forma virtual, aquí