"2033 é unha data realista para a alta velocidade entre Galicia e Porto, coa excepción do novo treito entre Braga e o aeroporto"
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, concedeu unha entrevista ao xornal portugués O Minho, na que aborda os principais desafíos e prazos das conexións ferroviarias entre Galicia e o norte de Portugal, unha infraestrutura estratéxica para a integración e a mobilidade da Eurorrexión
Na entrevista, Vázquez Mao considera que 2033 é unha data realista para completar a conexión de alta velocidade entre Galicia e Porto, aínda que advirte de que esta previsión depende de que non xurdan novos atrasos. A construción do novo treito entre Braga e o Aeroporto Francisco Sá Carneiro deberá comezar ese mesmo ano e podería entrar en funcionamento arredor de 2035.
Un dos temas abordados é tamén a futura conexión ferroviaria internacional entre Valença e Tui. O secretario xeral explica que a localización da nova ponte sobre o río Miño xa está acordada, ao leste de ambas as localidades, pero que os gobernos de España e Portugal aínda teñen que anunciar oficialmente o modelo elixido para a súa construción. Neste sentido, lembra que o Eixo Atlántico solicitou a intervención do presidente da República Portuguesa para promover un entendemento entre os dous países e impulsar o proxecto.
A entrevista aborda igualmente a proposta do Eixo Atlántico para crear un servizo ferroviario de proximidade entre Vigo e Viana do Castelo, aproveitando as infraestruturas existentes e conectando localidades de ambos os lados da fronteira. Vázquez Mao salienta a necesidade de contar cunha estrutura de coordinación territorial que permita desenvolver este tipo de servizos e avanzar cara a unha mobilidade metropolitana integrada no norte de Portugal.
Por último, aborda o impacto que a alta velocidade podería ter na conectividade aérea da Eurorrexión e defende a creación dun sistema aeroportuario conxunto, integrado polos aeroportos de Porto, Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, que permita coordinar servizos, mellorar as conexións e ampliar as opcións de mobilidade para a cidadanía.
A entrevista completa pode consultarse no xornal O Minho: