Skip to main content

104 artistas de Galicia e Portugal presentaron a súa obra ao certame Bienal de Pintura do Eixo Altántico que acollerá Lugo a finais de ano

104 artistas de Galicia e Portugal presentaron a súa obra ao certame Bienal de Pintura do Eixo Altántico que acollerá Lugo a finais de ano

O xurado seleccionou un total de 30 obras que formarán parte dunha exposición itinerante co municipio lucense como punto de partida. A asignación dos premios, de 4.000, 2.000 e 1.500 euros, farase pública o día da inauguración da exposición en Lugo

 Un total de 104 artistas de Galicia e do norte de Portugal presentaron a súa candidatura ao certame Bienal de Pintura do Eixo Atlántico. Unha vez pechada a recepción das obras, o xurado seleccionou 30 propostas finalistas que configurarán o catálogo dixital do premio e constituirán a exposición itinerante que terá o municipio de Lugo como punto de partida a finais de novembro.

A inauguración da exposición coincidirá co peche da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, cunha extensa varidade de actividades que durante todo o ano converteron o municipio lucense no punto de referencia das artes e a cultura galega e lusa. Así mesmo, a colección de obras finalistas percorrerá varias cidades do Eixo Atlántico en 2024.

Bienal Virtual

A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico comezou en 1997 co obxectivo de estimular a creación artística e posibilitar simultaneamente o intercambio cultural e o coñecemento de artistas.En 2021, para adaptarse ás circunstancias sanitarias provocadas pola pandemia, a exposición incorporou a novidade de poder ser visitada virtualmente. En cada edición, poden concorrer ao certame todos os artistas da Eurorrexión cunha única obra de pintura orixinal e inédita que non fose exposta nin presentada con anterioridade a ningún outro certame ou concurso.

Visite aquí a Bienal Virtual de 2022.