Skip to main content

Pontevedra será a única cidade española integrada no Partnership Greening Cities

Pontevedra será a única cidade española integrada no Partnership Greening Cities

Esta alianza europea ten como obxectivo a renaturalización de cidades e loita contra o cambio climático

 Pontevedra terá moito que dicir no deseño da Axenda Urbana para a UE ao converterse na única cidade española en ser seleccionada pola Comisión Europea para integrarse no Partnership Greening Cities, unha alianza comunitaria para a renaturalización de cidades e loita contra o cambio climático da que formarán parte outro sete urbes europeas e 14 entidades rexionais, nacionais e europeas. A elección de Pontevedra para formar parte deste partenariado sitúa á cidade dentro do circuíto europeo que definirá a política e os instrumentos de financiamento de infraestrutura verde e azul.

Todas estas achegas reflectiranse nun Plan de Acción que será aprobado e adoptado pola Comisión Europea para o impulso das infraestruturas verdes e azuis no ámbito urbano, e que ten un horizonte temporal de tres anos (entre 2023 e 2026). O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Pontes, destacou que a estratexia Pontevedra Flúe poderá ser presentada en Europa e a cidade "segue referenciándose a nivel mundial na recuperación de espazos naturais e contornos fluviais e as políticas que levan esa etiqueta de verde e azul, que parece que serán as que definan unha boa parte dos fondos europeos que cheguen aos distintos países nos próximos anos".

Tal e como precisou o concelleiro de Desenvolvemento Sustentable, "cando impulsamos a estratexia Pontevedra Flúe, sempre dixemos que era unha estratexia para recuperar espazos degradados e para facer á nosa cidade máis resiliente e máis capaz de loitar contra os efectos do cambio climático, pero tamén para captar investimentos e xerar riqueza, emprego e futuro, tanto para os cidadáns como para as empresas do municipio".