Skip to main content

Lugo pon en marcha unha segunda enquisa para coñecer a evolución sobre a percepción medioambiental da cidadanía

Lugo pon en marcha unha segunda enquisa para coñecer a evolución sobre a percepción medioambiental da cidadanía

A iniciativa enmárcase nas accións incluídas na planificación e desenvolvemento do futuro barrio multiecolóxico da Garaballa, promovido pola rexedora lucense

O Concello de Lugo pon en marcha unha nova enquisa aberta a toda a veciñanza de Lugo no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, que impulsa na súa estratexia de cidade sostible e co fin de avanzar no deseño das urbes sostibles europeas de tamaño medio. O obxectivo da enquisa é fomentar a participación cidadá no desenvolvemento de estratexias de mitigación e adaptación ao cambio climático na cidade de Lugo, ao tempo que se avalía a apreciación colectiva e o grao de sensibilización sobre a incidencia e os efectos do cambio climático no municipio e na provincia.

Neste senso, Lara Méndez explicou que a información recollida a través deste cuestionario “serviranos para analizar a percepción da cidadanía sobre esta ameaza global, ante a que nos adiantamos na adopción de medidas en Lugo, sendo un concello pioneiro na posta en marcha de actuacións destinadas a reducir as emisións de CO2, ampliar as zonas verdes e no que a sostibilidade se sitúa como eixo transversal en todas as áreas de goberno”.

A enquisa, que se cumprimenta de xeito completamente anónimo, que permanecerá aberta durante un mes, está recollida dentro das accións incluídas na planificación e desenvolvemento do futuro barrio multiecolóxico da Garaballa, o primeiro que se pon en marcha dende cero en España, polo que a participación e as suxestións de toda a veciñanza son de vital importancia para o seu desenvolvemento.

O LIFE Lugo+Biodinámico é un proxecto impulsado polo Concello de Lugo, cofinanciado polo Concello, fondos europeos e a Deputación, e que se desenvolve coa colaboración do Campus Terra e a Universidade Politécnica de Madrid.