Skip to main content

Lara Méndez presenta un ambicioso proxecto para modernizar a xestión e mellorar a eficiencia do ciclo integral da auga de Lugo

Lara Méndez presenta un ambicioso proxecto para modernizar a xestión e mellorar a eficiencia do ciclo integral da auga de Lugo

Todas as accións deseñadas contribuirán a lograr unha redución de consumo medio de enerxía anual de, polo menos, un 10%, minorando o impacto ambiental da prestación

Entre as medidas que se pretenden levar a cabo figura un proxecto piloto de depuración modular para o rural como solución ao saneamento dos núcleos.

A alcaldesa pretende tamén renovar o 35% da rede de abastecemento e substituír os contadores actuais, xa obsoletos, por outros telemáticos máis rigorosos na lectura.

“Trátase de garantir un uso máis sostible, xusto e equilibrado da auga e dun xeito máis transparente en prol das economías familiares e da conservación natural”, sinalou a rexedora.

O seu nome é BORAMUS – deus celta sanador da auga - e con el a alcaldesa, Lara Méndez, ten por vontade mellorar a eficiencia da xestión do ciclo da auga para que isto se traduza nun maior aproveitamento dos recursos, tanto hídricos como municipais, e nun incremento da calidade de vida da veciñanza que terá garantida a subministración cun menor número de avarías e en mellores condicións e, polo tanto, cun menor custo do servizo.

“Unha das consecuencias da emerxencia climática é a escaseza de auga, un produto – a auga limpa – que precisa dunha gran cantidade de esforzos e recursos, o que fai preciso procurar unha xestión adecuada das infraestruturas necesarias para a súa produción, ao obxecto de evitar usos indebidos e desperdicios dun ben tan prezado”, afirmou.

A propia rexedora - compañada dos concelleiros de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira - informou dos detalles deste ambicioso proxecto co que o Concello de Lugo concorrerá ás axudas do PERTE, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos Next Generation.

“O importe das 14 actuacións que queremos levar a cabo ascende a 10.000.000 de euros. Méndez referiu que co proxecto, que xa estaba recollido no Plan de Acción Local da Axenda Urbana 2030 ‘Lugo Cidade Viva’, o Concello pretende elaborar un plan de sustentabilidade e eficiencia do uso dos recursos hídricos do municipio no que se terán en conta as fases de depuración, reutilización e distribución da auga para reducir perdas, fomentar usos eficientes do rego, incentivar a recollida de pluviais nos edificios e diminuír o consumo e o gasto enerxético.

A alcaldesa sinalou que en España se ten contabilizado que a auga non rexistrada - que é a que se perde por fugas nas tubaxes, por fraudes ou erros de medición - alcanza unha media do 25% do total da auga dispoñible nas cidades.

Todas as intervencións deseñadas contribuirán a lograr unha redución de consumo medio de enerxía anual de, como mínimo, un 10%.