60 veciños do Piñeiriño xa se anotaron para participar na experiencia, e aínda quedan dous días para que poidan sumarse máis
A posta en marcha do plan de compostaxe comunitaria nun medio urbano xa está garantida no barrio do Piñeiriño ao acadar as inscricións o número mínimo para formar o grupo necesario para levar a cabo a experiencia. A primeira hora desta mañá xa eran 60 os compromisos de participación presentados e aínda quedan dúas xornadas para que poidan seguir sumándose veciños. A inscrición vai algo máis lenta en Celso Emilio ferreiro, polo que a Concellería de Medio Ambiente reforza mañá a promoción cunha nova sesión informativa entre as 20 e as 21 horas a efectos de que se poidan achegar as persoas ao remate da xornada laboral.
O concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, amosou a súa satisfacción pola rapidez coa que se formou o grupo do Piñeiriño e indicou que confía en que a cifra poida achegarse máis ao máximo establecido nos 300 participantes, dado o interese amosado polos veciños desta zona e a que aínda quedan dous días para presentar as inscricións. Os formularios pódense imprimir dende a web municipal e deben presentarse no Concello (no departamento de Medio Ambiente ou por Rexistro). Recolleranse ata o xoves, 28 de xaneiro, incluído.