Skip to main content

#EuCompost_ela organiza un concerto e unha xincana virtual para achegar a economía circular aos máis novos

#EuCompost_ela organiza un concerto e unha xincana virtual para achegar a economía circular aos máis novos

O obxectivo desta iniciativa é poñer a proba o coñecemento da mocidade compostelá sobre a economía circular

O Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia porán en marcha dúas novas actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil no marco do proxecto #EuCompost_ela. Coa xincana virtual e o concerto Compost_Ela Miúda preténdese achegar a economía circular aos máis novos para que adopten hábitos de consumo responsables e de reciclaxe, especialmente agora que se está a introducir na cidade o colector marrón para materia orgánica.

A Unión de Consumidores de Galicia e o Concello de Santiago veñen de lanzar a xincana virtual ‘Conecta coa Economía Circular’ dirixida a rapaces e rapazas que cursen a ESO nalgún dos centros educativos do concello. Esta xincana realizarase a través dun espazo virtual eucompostela.gal e a participación na mesma é gratuíta.

O obxectivo desta iniciativa é poñer a proba o coñecemento da mocidade compostelá sobre a economía circular e mostrarlles a importancia de reducir a pegada ecolóxica apostando polo consumo responsable, a conservación da natureza e a xestión sostible dos recursos. O prazo para inscribirse na xincana rematará o 28 de outubro ás 18:00 horas.

A xincana é un reto por equipos. Para poder participar os equipos deben estar conformados por un mínimo de tres persoas e un máximo de cinco. O premio desta actividade consite nun vale por valor de 250€ para cada equipo gañador para compras realizadas en establecementos do comercio local de Santiago de Compostela.

Compost_Ela Miúda

O proxecto #EuCompost_ela tamén propón unha actividade musical que terá lugar o vindeiro 26 de outubro no auditorio do CERSIA Empresa e na que participarán máis de 200 nenos e nenas dos centros educativos de primaria de Vite, Fontiñas e San Jorge. Compost_ela Miúda reunirá a Paco Nogueira e Iseo a Moura nun concerto ao redor dos dos conceptos ecoloxía, sostibilidade, reciclaxe e economía circular.

Máis información:

Bases da Xincana Virtual

Web #EuCompost_ela