A Axencia de Ecologia Urbana do Eixo Atlântico uniuse á Asociación de Cidades e Rexións pola Reciclaxe e xestión sustentable de Recursos (ACR+)
ACR+ é unha rede internacional de cidades e rexións que comparten o obxectivo de promover o consumo responsable de recursos e a xestión sustentable de residuos urbanos a través da prevención na orixe, reutilización e reciclaxe.
A presenza de Eixoecologia nesta rede axudará a cumprir a misión de servir ao interese dos municipios do Eixo a través de accións e propostas que melloren a sustentabilidade local e promovan unha mellor xestión dos residuos.
Os obxectivos de ACR+ son os seguintes:
- Contribuír, a nivel Europeo e internacional, á prevención e á xestión racional dos residuos desde o punto de vista ecolóxico e económico, para así promover o desenvolvemento sustentable.
- Contribuír a pechar o ciclo de materias primas primarias e secundarias (recursos, produtos, residuos) promovendo a redución do consumo de recursos e unha distribución equitativa dos mesmos.
- Promover a transición desde unha economía en cadea cara a unha economía circular para obter unha utilización máis eficiente de recursos.
- Crear e manter unha rede de intercambio de información en temas de prevención, recollida selectiva e reciclaxe de residuos urbanos.
- Fomentar a armonización de conceptos, definicións e estándares no campo dos residuos, recursos e produtos.
- Promover a creación de acordos entre diferentes actores.
- Axudar ás autoridades públicas a desenvolver as súas habilidades e a súa experiencia en relación a normativas sobre residuos-produtos-recursos.
- Fomentar accións prácticas en xestión de residuos e consumo responsable.