Skip to main content

VIII Maratón Fotográfico pola igualdade, en Vilagarcía

VIII Maratón Fotográfico pola igualdade, en Vilagarcía

O prazo péchase o martes 9 de febreiro e o evento desenvolverase durante a xornada do sábado 13

As persoas afeccionadas á fotografía que desexen participar na oitava edición do Maratón Fotográfico organizado con motivo do Día da Muller Traballadora, dispoñen ata o próximo martes, día 9 de febreiro para inscribirse, para o cal deberán dirixirse ás dependencias da Área de Igualdade do Concello. O certame que ten como obxectivo promover unha reflexión sobre a desigualdades de xénero, así como favorecer un cambio de actitude da sociedade a este respecto, celebrarase durante a xornada do sábado 13 de febreiro.

A concellería que dirixe Tania García Sanmartín decidiu este ano adiantar a celebración do Maratón, que tradicionalmente se facía coincidir co 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, coa finalidade de que nesa data puidera inaugurarse a exposición das fotografías participantes e proceder á entrega dos premios.

As bases do certame pódense consultar no taboleiro de anuncios da web municipal, onde tamén están dispoñibles os formularios de inscrición. As normas son practicamente as mesmas que en edicións anteriores.

O concurso comezará o sábado 13 de febreiro ás 10:30 da mañá dende a explanada do Auditorio. Os participantes deberán entregar os seus traballos no mesmo lugar entre as seis e media e sete da tarde do mesmo día. Terán, pois, nove horas para desenvolver os tres temas que se lles facilitarán o mesmo día do concurso. As dúas da tarde deberán pasar un control no centro sociocultural do Preguntoiro, en Vilaxoán.

Os mellores traballos de cada una das tres categorías recibirán un premio en metálico de 200 euros. O ano pasado participaron unha trintena de afeccionados de tres provincias diferentes (Pontevedra, A Coruña e Ourense) e idades que foron dos 12 as 66 anos. O xeito de participar será con cámaras dixitais, as fotos entregaranse en arquivo JPEG e tamaño mínimo de 20x30 cm. Non poderán participar fotógrafos profesionais.