Todo listo para a celebración dos XII Xogos do Eixo Atlántico, do 4 ao 9 de xullo en Lugo, Sarria e Monforte
Participarán 1.850 mozos e mozas de 29 municipios de Galicia e Portugal
Xa queda pouco para a celebración dos XII Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán do 4 ao 9 de xullo en Lugo, Sarria e Monforte.
Por segunda vez na historia dos Xogos do Eixo Atlántico, e por primeira vez en Galicia, tres cidades, Lugo, Sarria e Monforte, acollerán simultaneamente estes xogos, os segundos máis participativos da historia. En total participarán 1.850 mozos e mozas ata os 16 anos e contarán coa presenza de 29 municipios de Galicia e Portugal: Lugo, Monforte e Sarria, Ourense, Pontevedra, O Carballiño, Santiago, Barco de Valdeorras, Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón, A Coruña,Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Braganca, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimaraes, Santa María da Feira e a Eurocidade Chaves-Verín.
Esta competición foi presentada este luns no Vello Cárcere pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Deputación, Darío Campos, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, nun acto ao que tamén asistiu o concelleiro de Deportes de Lugo e o de Sarria, Miguel Fernández e Efrén Castro, respectivamente; así como o deputado de Deportes, Pablo Rivera.
Programa
Os duodécimos Xogos do Eixo Atlántico celebraranse do 4 ao 9 de xullo. O primeiro día, en xornada de tarde, terá lugar un desfile das delegacións dos participantes, dende a Praza de San Marcos ata a Praza de Santa María, pasando pola Praza Maior. Nesta marcha, por primeira vez, incorporaranse ao desfile catro elementos etnográficos. Irán abrindo a marcha unha representación de romanos e castrexos de Lugo; polo medio irán os cabezudos da Nosa Señora de Agonía (Viana do Castelo), despois os cigarróns de Verín e, por último, os caretos de Macedo dos Cavaleiros.
As competicións terán lugar os días 5, 6, 7, 8 e 9 de xullo. Lugo acollerá as modalidades de fútbol, no campo municipal das Gándaras, baloncesto, no Pazo Provincial dos Deportes, atletismo e atletismo adaptado, nas Pedreiras, e natación e natación adaptada nas piscinas municipais de Frigsa. Pola súa banda, as competicións de voleibol celebraranse en Monforte e as de balonmán e ximnasia rítimica, deporte novidade desta edición, en Sarria. Por último a clausura terá lugar o día 9, no Vello Cárcere.
O impacto destes Xogos, segundo estimacións da propia entidade do Eixo, e tendo en conta outras edicións deste evento, poderá deixar uns 200.000 euros en Lugo.
O deporte e cultura
"O deporte é cultura, e a cultura ten que estar moi ligada ao deporte", asegurou no acto Vázquez Mao, quen fixo fincapé na incorporación de elementos culturais no desfile ao tempo que amosou o éxito desta edición dos xogos e o arduo traballo que se leva facendo dende hai máis dun ano, tanto dende o Eixo Atlántico como dos distintos municipios e organismo provincial, para poder celebrarse o vindeiro mes de xullo.
Na presentación tamén estivo presente unha representante do Instituto Camões de Vigo, Carla Amado, centro que apoia estas iniciativas achegando distintas actividades a Lugo, Sarria e Monforte durante os Xogos. Concretamente, e tal e como explicou Amado, o centro ofrecerá exposicións sobre a cultura e a historia do cine en portugués en Sarria e Monforte, respectivamente. En Lugo, o Vello Cárcere acollerá a exhibición dun filme portugués e de curtas e unha peza de teatro dedicada á lingua portuguesa.