A vila do Tea acollerá os días 11, 12 e 24 de febreiro espectáculos musicais e de teatro de artistas de ambos lados do río Miño
Ponteareas volverá ser un dos eixos da cultura galega e portuguesa durante a novena edición do festival Convergencias Galicia-Portugal, que este ano permitirá unir á galega vila do Tea e Santiago de Compostela coa lusa Braga a través de música, danza, teatro, cine, charlas, exposicións e moitas ofertas culturais máis.
O festival recalará en Ponteareas os vindeiros 11, 12 e 24 de febreiro con tres propostas enriquecedoras e de grande interese cultural cos que continuar homenaxeando a Rosalía de Castro e José Afonso “e estreitando os lazos que unen a Galicia e Portugal, evidenciando as semellanzas entre as dúas culturas”, como salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.
Groba destaca “a importancia para Ponteareas de continuar formando parte deste festival transfronteirizo tan relevante, xa que permite seguir estreitando conexións culturais e históricas entre Galicia e Portugal”. O concelleiro anima ademais a toda a veciñanza “a asistir a estes tres espectáculos de balde de gran valor artístico e cultural”.