Olmo Blanco: “A cultura de base en Galicia é moi creativa e dun nivel moi alto con respecto a España”
Gañador do primeiro premio da XI Bienal de Pintura Eixo Atlántico, destaca a promoción que supón este premio nun momento de crise, no que o mercado da arte “reduciuse e volveuse moi desconfiado”
Olmo Blanco (Boiro, A Coruña, 1982), gañador do primeiro premio da última edición da Bienal de Pintura Eixo Atlántico, a úndecima xa en visualizar e impulsar a creatividade artística de Galicia e do Norte de Portugal, destaca o valor deste premio pola difusión que supón para a súa obra nun momento “de grandes dificultades para que os artistas consolidemos o noso traballo”. A crise económica freou os investimentos no mercado da arte, o que se deixa notar especialmente se se compara, comenta, co boom que se viviu nos anos 80/90, “onde se vendeu moita arte e a un prezo moi alto”.
Este creador, a pesar da súa mocidade, conta cunha ampla traxectoria. Cursou estudos de Belas Artes na Universidade de Salamanca, a Escola de Belas Artes de Lieja (Bélxica), a Universidade de Granada e a U.C. de Chile e viviu en cidades tan dispares como Santiago, Renes, Berlín ou Lisboa. As súas obras puidéronse ver xa en Galicia e o resto de España, pero tamén en Londres, Bruxelas ou Montevideo.
O Eixo Atlántico leva máis de 20 anos premiando os talentos pictóricos da Eurorrexión. Que supón para un artista novo, aínda que con longo percorrido, este galardón?
A distinción é unha gran alegría polo recoñecemento que se fai do meu traballo, neste caso moi especialmente porque é unha bienal de moita calidade, e porque permite unha maior difusión da miña obra por Galicia e Portugal. Ademais, a contía económica do galardón é unha axuda para seguir reinvestindo no meu traballo, o que hoxe en día non é fácil se te queres dedicar, como eu, a vivir da arte.
O cadro gañador son grafismos xeométricos, habituais na súa obra. En que se inspirou?
A pintura é sempre difícil de explicar porque ao final se traballa tamén sobre conceptos e espazos, que xeran as formas que logo plasmo nas miñas pinturas. No meu caso móveme a invisibilidade ou o falso luxo, ou mesmo o feísmo en determinadas arquitecturas, onde podemos apreciar que a pesar dos contextos de precariedade arquitectónica sempre hai xente que tenta transformalas, ou a pobreza, porque non significa que nela se vexa só miseria.
Como afectou a recesión económica á industria pictórica?
Atravesamos un momento de grandes dificultades para poder consolidarnos e vivir dignamente do noso traballo artístico porque é necesario un maior investimento. Si existen apoios institucionais, aínda que quizá non sexan suficientes porque hai moitos artistas e co nivel de formación máis alto do último século. Nos anos 80/90 vivimos unha burbulla porque se vendía moita arte e a un prezo moi alto, pero agora, coa crise, o mercado reduciuse e volveuse moi desconfiado cos novos valores. E non é que hai 30 anos existisen mellores pintores que agora, é que o diñeiro que se movía axudaba a consolidar con rapidez aos autores.
Con todo, é un bo momento creativo
Si o é, especialmente en Galicia, onde existe unha enorme creatividade e unha cultura de base impresionante pola cantidade de actividades que se desenvolven, teatro, cinema, pintura... Non deixa nada que desexar se a comparamos con outros países europeos e ten un nivel moi alto con respecto a España.
O día en que se entregou o premio, non puido recollelo porque estaba en Edimburgo, onde realizaba unha intervención en Summerhall. Que tal a experiencia?
Moi boa, saír fóra facilita darte a coñecer e promocionarte, sen dúbida, aínda que hai que dicir que a industria cultural atópase tamén noutros países en certo estado de precariedade e a subsistencia para os artistas é igual de difícil.
Ademais do cadro gañador da Bienal que agora se pode ver no Centro Cultural de Chaves, que outras obras ten en exposición?
Inaugurarei esta mesma unha mostra colectiva na Casa da Parra en Santiago.
Para coñecer máis a fondo a obra de Olmo Blanco: http://www.olmoblanco.com/