O Museo do Mar de Galicia acolle a Bienal de Pintura do Eixo Atlántico ata o 14 de outubro
A exposición integra 28 obras inéditas de artistas galegos e portugueses
O Museo do Mar de Galicia, situado en Vigo, acolle ata o 14 de outubro a exposición itinerante da XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, con 28 obras inéditas de artistas de Galicia e o norte de Portugal.
A mostra foi inaugurada o 14 de setembro coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, xunto co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao e o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. Durante a inauguración, os asistenes puideron coñecer os detalles dun das obras premiadas “América”, da man do propio autor, Xosé Lois Carreira López.
A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico naceu en 1997, e conta xa con 12 edicións de itinerancia. Con máis de dúas décadas, este programa estimula a creación artística, e posibilita o intercambio cultural e o coñecemento de artistas que no Noroeste Peninsular constitúen unha contribución viva e dinámica no panorama cultural europeo.
A XII Bienal de Pintura percorre, entre novembro de 2017 e febreiro de 2019, varias cidades membros do Eixo Atlántico: O Barco de Valdeorras, Viana do Castelo, Porto, Braga, Peso da Régua, Riveira, Ourense, Maia, Santa Maria da Feira, Vigo, Monforte de Lemos, Lugo, Lalín e Barcelos.
Nesta edición, na que participaron máis de máis de 120 artistas, os premios do xurado presidido pola artista portuguesa Paula Tavares, recaeron en:
-Premio Novos Talentos Luso-galaicos: Fragmentos de Memória, de Fábio Araújo
-Segundo Premio de autor galego: América, de Xosé Lois Carreira López
-Segundo Premio de autor portugués: Two Big Women, de Marco Macedo
-Primeiro Premio á mellor obra do certame: Série 0, Descontruindo, de Fátima Teles.
Retrospectiva da Bienal, en Santa Maria da Feira
O vindeiro 6 de outubro, no marco da Capital da Cultura do Eixo Atlántico que se desenvolve este ano en Santa Maria da Feira, terá lugar a inauguración da mostra Retrospectiva da Bienal de Pintura.
O Museo Convento dos Loios acollerá ata o 11 de novembro esta exposición histórica, na que se mostrarán grande parte das obras premiadas desde 1997.
Galería de fotos