A Mostra Musical do Eixo Atlántico homenaxea a compositora portuguesa Isabel soveral
O certame reunirá preto de 300 mozos e mozas de 16 cidades de Galicia e o Norte de Portugal en Ferrol o 18 e 19 de abril
A sétima edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico, que este ano se celebrará na cidade galega de Ferrol, homenaxeará a compositora portuguesa de música contemporánea Isabel Soveral.
O secretariado executivo de educación do Eixo Atlántico mantivo unha reunión o pasado venres para avanzar na organización deste evento musical, que reunirá preto de 300 mozos e mozas de 16 cidades de Galicia e o Norte de Portugal en Ferrol o 18 e 19 de abril.
Entre os asuntos avanzados na reunión destaca a confirmación da asistencia de Isabel Soveral como artista homenaxeada en recoñecemento pola súa traxectoria e méritos musicais.
Traxectoria internacional
Soveral (Porto, 1961) forma parte dun importante grupo de compositores portugueses que apareceu nos anos 80 do século XX.
Graduada no Conservatorio Nacional de Lisboa, en 1988 uniuse á Universidade Estatal de Nova Iorque, en Stony Brook, onde estudou con Daria Semegen e Bülent Arel. Soveral completou a súa Maestría e Doutoramento (1994) en Composición nesa Universidade.
Isabel Soveral é profesora de composición, teoría e análise musical no Departamento de Comunicación e Arte da Universidade de Aveiro desde 1995. Dirixe o Centro de Investigación en Música Electroacústica de UA desde 2014, logo de crear a plataforma EAW (Electroacoustic Winds). Tamén é membro do Consello Científico de Investigación de Música Portuguesa desde 2008.
Cunha ampla produción musical, as súas obras foron interpretadas en Portugal, España, Francia, Hungría, Austria, Suíza, Polonia, Hong Kong, Macao, Argentina, Brasil, Cuba ou EEUU.
Promover a práctica da música
A Mostra Musical naceu en 2008 co obxectivo de recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica da música, apoiando os músicos intérpretes de Galicia e do Norte de Portugal que polo seu valor e interese poidan contribuír á difusión do gusto pola música, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico.
En cada edición reúne preto de 300 alumnos das escolas de música e conservatorios das cidades do Eixo Atlántico. Nesta edición haberá un total de 44 actuacións de solistas, agrupacións de cámara e agrupacións maiores. Ademais, o Pequecoro de Ferrol non faltará nesta edición da Mostra Musical cunha actuación fóra de concurso.