Skip to main content

Inagurada “Imaxe de cen anos”, no Centro Cultural Torrente Ballester, de Ferrol

Inagurada “Imaxe de cen anos”, no Centro Cultural Torrente Ballester, de Ferrol

A exposición estará aberta ata o vindeiro 31 de maio

O Concello de Ferrol abriu oficialmente de a exposición “Imaxe de cen anos”, coa que comeza en Ferrol a programación con motivo do Día das Letras dedicado a Ricardo Carballo Calero. Na inauguración, que tivo lugar na sala Felipe Bello Piñeiro do Centro Cultural Torrente Ballester, estiveron presentes, ademais de concelleiros de todos os grupos municipais, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes.
O acto comezou coa intervención de Delia Vázquez Vázquez, alumna de Carvalho Calero e estudosa da súa figura, á que seguiron as intervencións de García Gómez e Fernández Freixanes. Os tres repasaron diversos aspectos da vida e da obra do escritor e destacaron o seu compromiso coa lingua e a literatura galegas.
Pola súa banda, o alcalde, Ángel Mato, cualificou de “acto de xustiza” que, despois de anos de espera, se lle concedera a Ricardo Carvalho Calero “o maior recoñecemento que se lle pode facer a un escritor galego”. “O 17 de maio instalarase oficialmente no panteón das letras galegas, un lugar que lle corresponde por dereito”, sentenciou. O rexedor sostivo, lembrando a traxectoria de Carvalho, que “abrir debates intelectuais non debe endexamais ser motivo de guerras ideolóxicas, senón un símbolo da madurez dunha sociedade” e que o escritor “padeceu a inxustiza por defender as súas ideas coa palabra, o cal soe significar defender a liberdade, a propia dun e a de todos os demáis”.
Mato agradeceu moi especialmente á familia do escritor a súa axuda para levar a cabo a exposición e ao resto de persoas, “funcionarios do Concello de Ferrol e especialistas de diferentes eidos”, que colaboraron ou cederon os seus traballos.
Antes de que soara o himno galego para pechar o acto, Margarita Carvalho Ramos, filla de Ricardo Carvalho Calero, recordou o que significaba para o seu pai e lembrou que o derradeiro discurso da súa vida pronunciouno nun día de San Xiao.