
Raúl Álvarez: “Son un pintor novo e grazas á Bienal espertouse un gran interese pola miña obra”
O gañador da X Bienal do Eixo Atlántico anima a participar no certame porque con ilusión e esforzo “pódese vivir desta profesión”
Raúl Álvarez Jiménez é pintor da auga, de miradas distintas sobre o mar, e cun dos seus cadros de perspectiva acuática gañou en 2014 o primeiro premio á mellor obra da X Bienal do Eixo Atlántico, certame aberto a todos os autores naturais ou residentes en Galicia e o Norte de Portugal. Agora, cando xa está en marcha a convocatoria da undécima edición da bienal, Raúl Álvarez, que este ano formará parte do xurado, anima aos creadores a presentar as súas pinturas porque “é unha gran oportunidade para poder mostrar o noso traballo”.
O Eixo Atlántico quere que tanto os galardóns como a exposición itinerante axuden a impulsar a carreira dos artistas que se presentan a súa bienal. Cal foi a túa experiencia?
Cando gañei levaba seis anos pintando, son un creador relativamente novo, e o galardón disparou o interese polo meu traballo e da xente que quería ver as miñas obras no meu estudo de A Coruña. Tamén creceron as entradas a miña web e ás miñas redes sociais. Cando me chamaron para comunicarme o premio non mo cría e tivéronmo que repetir varias veces. Eu aspiraba polo menos a estar entre os seleccionados para o catálogo da mostra itinerante, pero o gañar cun nivel tan alto no certame foi impresionante. É un premio importante e máis se aspiras a vivir da pintura.
E se pode vivir da pintura?
Eu conseguino porque imparto clases no meu estudo, traballo que compaxino coas miñas obras, ás que dedico moitas horas. Pero é moi difícil e é verdade que unha oportunidade como a do Eixo Atlántico abre portas, neste caso, ademais, de ámbito internacional xa que as nosas creacións se ven en Galicia e o norte de Portugal. Con ilusión e moito esforzo pódese conseguir vivir da pintura que en si xa é unha forma de vida, e por iso animo, sen dúbida, a que os artistas presenten o seu traballo a esta nova edición da Bienal.
Os catálogos de Bienal pretenden ofrecer unha perspectiva do estado creativo da Eurorrexión. Como ves o panorama?
Realmente eu empecei xa coa crise económica e ese é o escenario que coñezo. Antes desta recesión era menos complicado porque había máis salas de exposicións e máis xente interesada en comprar arte, era máis fácil dedicarse a crear. Agora contamos cun bo número de pintores con talento pero moitos non poden desenvolver ben o seu traballo pola situación actual, e quizá si farían falta máis iniciativas e algo máis de apoio institucional para que tivesen maiores oportunidades para promover as súas obras.
O teu cadro gañador titulábase ‘Torso acuático V’. En que estaba inspirado?
Na auga. Para min o mar é un tema recorrente e busco e xogo coas súas perspectivas dispares nun intento de atopar un estilo propio, persoal. O cadro premiado formaba parte dunha serie sobre bañistas recreados desde un punto de vista diferente na que levaba tempo traballando. Case todas as miñas coleccións están vinculadas coa auga, é o seu punto de conexión.
Este ano serás xurado da XI Bienal. Como afrontas estar alén do certame?
Pois con moita responsabilidade. Non é fácil valorar o que os pintores queren transmitir e a técnica, e hai que tentar actuar con xustiza, se iso pode ser porque existe gran parte de subxectividade na selección, e quizá se o xurado da última bienal fose outro eu non sería o gañador. Estou expectante e moi ilusionado por poder vivir o proceso de decisión dun xurado e esa posta en común para decidir quen serán os premiados desta nova bienal.
Raúl Álvarez (Madrid, 1982) ten o seu estudo na Coruña, e pódese coñecer a fondo a súa obra a través da súa web http://www.raulalvarezpintura.com/ e das súas redes sociais. Nos oito anos da súa carreira pictórica, na que non descarta incursións noutras formas de creación como a escultura, expuxo en máis dun trintena de mostras individuais e colectivas, así como en feiras. As súas obras están recollidas, ademais, en 18 publicacións e integran diversas galerías e coleccións tanto en España como de ámbito internacional (Portugal, Italia, EEUU, Turquía, Bruxelas, Nova Zelandia...).