Skip to main content

Entrevista con a Presidenta do Xurado da XI Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

Entrevista con a Presidenta do Xurado da XI Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

A comisaria desta exposición de arte de Galicia e norte de Portugal, Pilar Corredoira, prevé que a tecnoloxía e a ciencia abrirán novos espazos creativos, “ás veces insospeitados”

A liberdade creativa nun contexto de globalización, tamén na arte, caracteriza as obras premiadas na XI Bienal de Pintura Eixo Atlántico, así como do resto de creacións seleccionadas para esta exposición, de carácter itinerante, que durante este mes se pode ver no Museo das Artes Decorativas de Viana do Castelo (Portugal). Pilar Corredoira, comisaria e presidenta do xurado, destaca o valor da mostra, que “desempeña un papel fundamental para promover o labor dos novos creadores e das tendencias”.

- Que se podería destacar da Bienal deste ano respecto das dez edicións anteriores?

A variedade de formulacións pictóricas das propostas presentadas a concurso evidencian unha liberdade creativa por parte dos artistas que enriquece, sen dúbida, a exposición e outórgalle un certo eclecticismo. Na compendio das obras premiadas e nas seleccionadas para a mostra pódese apreciar un equilibrado e interesante nivel que, se o sumamos á elevada participación de autores, reforzan á Bienal do Eixo Atlántico como unha referencia a ter en conta.

- Nun certame como este, sen límites temáticos, cales son os aspectos que máis se valoran á hora de fallar os premios?

En cada creación temos que considerar certos factores que nos remiten á súa disposición no tema e contidos. Nas obras, tanto a orixinalidade como o valor estético e a técnica han de conformar un conxunto acertado que partindo da idea orixinal chegue até a expresión final.

- A Bienal está aberta a creadores de Galicia e Portugal. Existen diferenzas claras entre os dous países ou a globalización tamén chegou á pintura?

A globalización está presente en todos os aspectos da vida contemporánea e na arte influíu notablemente e segue deixando a súa pegada, non só no labor do artista. No ámbito da historia, a crítica, a xestión, os museos ou o coleccionismo, esa transformación propiciada polos avances tecnolóxicos e polo rápido acceso á información causou radicais xiros que posibilitaron novas formas de entendemento. O creador non pode obviar ese poderoso fluxo de información, en continuo cambio, que se traduce na difusión instantánea de imaxes e de propostas artísticas procedentes de diferentes puntos do planeta, así como na confluencia das mesmas.

- Como se valoran no mundo da arte proxectos como a Bienal do Eixo Atlántico, con máis de 20 anos de vida?

Esta iniciativa continuada supón, sen dúbida, un importante apoio, especialmente para os autores mais mozos. A Bienal é un estímulo que favorece a visualización das obras creadas en Galicia e o norte de Portugal, que son expostas en lugares e espazos e para públicos diferentes destes dous países. Temos que ter en conta que é fundamental para o desenvolvemento dos artistas a axuda procedente dos diferentes sectores que conforman o mundo da arte, tanto públicos como privados. Por iso, a existencia de bienales e de eventos tradicionalmente constituídos para exercer ese labor de difusión desempeñou un papel fundamental á hora de situar e promover o labor dos novos pintores, así como das tendencias artísticas.   

- Falando de tendencias, que aspectos confluirán na arte do futuro?

A tecnoloxía e a ciencia son xa elementos fundamentais para o artista actual. Ambas,   interrelacionadas co propio espírito creativo, favorecen a capacidade de experimentación e abren novos espazos, ás veces insospeitados. Pero tamén, nese contexto tan globalizado no que se desenvolve o autor do noso tempo, outras cuestións concernentes aos problemas sociais, xeográficos ou mesmo económicos teñen cabida á hora de avaliar un futuro próximo de creación.