O debutante AD Valongo, campión do V Torneo Eixo Atlántico de hockei a patíns
Levou o campionato tras imporse de forma clara ao Gulpilhares (5-0)
O AD Valongo proclamouse campión do V Torneo Eixo Atlántico de hockei a patíns tras imporse por 5-0 ao ACD Gulpilhares, nunha final que se decidiu na primeira parte.
Medíanse na gran final do os dous equipos imbatidos da competición: AD Valongo e ACD Gulpilhares. Con 32 e 39 goles favor, respectivamente, ambas escuadras demostraran nas súas cruces previos unha gran capacidade ofensiva.
O encontro comezaba cun alto ritmo, o que facía que o xogo despregado sobre o parquet fóra moi vistoso. O Valongo gozaba da primeira oportunidade de adiantarse, cunha falta directa, pero o porteiro rival frustraba o seu disparo. Volvía gozar, esta vez de penalti, da opción de porse por diante, pero de novo a meta do Gulpilhares, demostrando bos reflexos, repelía a bóla.
Tanto ía o cántaro á fonte que ao final o Valongo conseguía abrir a lata (1-0, min.7) ante un rival que non baixaba os brazos. A dous minutos para o final o conxunto que exercía na final como local lograba abrir unha pequena brecha grazas a dous contraataques (3-0). Cunha vantaxe de tres tantos se chegaba ao descanso dunha final que parecía encarrilada para os intereses do Valongo.
Comezaba a segunda parte co mesmo ritmo frenético da primeira. O Gulpilhares buscaba o gol que lle permitise meterse no partido, pero era o Valongo o que facía o cuarto, no minuto 24. Ao conxunto de Gaia acabábaselle o tempo para tratar de darlle a volta ao electrónico. O partido afrontaba a súa recta final, e o Gulpilhares axexaba cada vez máis a meta do Valongo, pero sen fortuna á hora de definir.
Si que aproveitaba as opcións que tiña o seu rival, que a tres minutos para a conclusión lograba o quinto. O Gulpilhares non aproveitaba a súa oportunidade de marcar de falta directa e o Valongo levaba o partido e o trofeo de campión do V Torneo Eixo Atlántico.
Na edición deste ano os equipos participantes foron: Académica Porto, CART, Valongo, CA Feira, ED Viana, CH Carvalhos, Gulpilhares, Travesas, Escola Lubians, Liceo da Coruña, Compañía de María e Sta. María del Mar. Os partidos xogaronse no Palacio dos Deportes de Riazor e no Polideportivo de Monte Alto.
Información de todos os partidos e clasificación final:
http://dxtbase.opennemas.com/seccion/torneo-eixo-atlantico-de-hockey/