Skip to main content

"Desde 1880", de Pietro Gottusso, gaña a XIII edición do Premio Internacional "Compostela" de Álbums Ilustrados

"Desde 1880", de Pietro Gottusso, gaña a XIII edición do Premio Internacional "Compostela" de Álbums Ilustrados

O XIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados xa ten obra gañadora, despois de que se coñecera o fallo do xurado desta edición. Trátase da obra presentada baixo o lema Desde 1880, do italiano Pietro Gottusso. O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Noa Díaz, pasaron a saudar o xurado e a coñecer polo miúdo as obras triunfadoras do certame.

Desde 1880 impúxose nunha edición do Premio Compostela á que se presentaron 384 proxectos procedentes de 23 países: Italia, Taiwán, República Dominicana, Portugal, Suíza, Brasil, Gran Bretaña, Uruguai, Francia, Polonia, Ecuador, México, Rusia, Sri Lanka, Estados Unidos, Alemaña, Turquía, Austria, Lituania, Bélxica, Arxentina, Irán e España.

Da obra do romano Pietro Gottuso, o xurado destacou que "é un álbum ilustrado sen palabras, unha narración gráfica que amosa o paso do tempo nos últimos 140 anos". A historia transcorre ante un edificio dunha cidade, baixo a mirada de Cronos, no que está situada unha libraría. Utiliza unha "técnica pictórica moi coidada, realizada en acrílico sobre madeira e con rigoroso debuxo", afirman.