Os artistas de Galicia e o Norte de Portugal poden inscribirse até o 6 de novembro
A XIII Edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico xa está en marcha, coa apertura, o pasado 7 de setembro, do prazo de inscrición para que os artistas naturais ou residentes en Galicia e o Norte de Portugal concorran a este certame cultural.
As inscricións deben facerse a través do formulario situado na web do Eixo Atlántico até o 6 de novembro. Todos os participantes deben seguir os criterios recollidos no regulamento da Bienal.
Cada autor poderá concorrer cunha única obra do campo da pintura, orixinal e inédita,
entendéndose como tal unha obra que sexa da súa exclusiva autoría e propiedade e que non teña sido exposta nin presentada anteriormente en ningún outro certame ou concurso. Tanto o tema como a técnica a utilizar serán de libre elección. Deberá obrigatoriamente indicar a técnica utilizada e, en caso de ser mixta, indicar cales foron as técnicas usadas.
A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, con xa máis de 20 anos, estimula a creación artística, posibilitando simultáneamente o intercambio cultural e o coñecemento de artistas, que no noroeste peninsular constitúen unha contribución extraordinariamente viva e dinámica no panorama cultural europeo.