O Municipio de Braga non pode desperdiciar a oportunidade de ser Capital da Cultura do Eixo Atlántico «conformándose coas circunstancias actuais e coa cancelación da case totalidade do seu programa», indicou a concelleira de Cultura.
A crise pandémica provocada pola Covid-19, e a consecuente necesidade de confinamento, provocou incontables limitacións e cancelacións na programación prevista para Braga - Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2020. Por iso foi decidido o adiamento do seu plan de acción para o próximo ano, segundo informou a Cámara Municipal de Braga.
A concelleira da Cultura, Lídia Días, reforzou a idea de que o Municipio de Braga non podería desperdiciar esta oportunidade de ser Capital da Cultura do Eixo Atlántico «conformándose coas circunstancias actuais e coa cancelación da case totalidade do seu programa».
«A acollida da Capital da Cultura do Eixo Atlántico é estratéxico para a implicación da comunidade nunha crecente dinámica de creación e goce cultural», engadiu.
Lémbrese que a programación comezou o 8 de febreiro, cunha sesión de apertura e concerto realizado no Fórum Braga. Tamén se celebrou a Semana Cultural Converxencias e unha exposición de instrumentos musicais do noroeste peninsular, iniciativas realizadas en colaboración con Canto d?Aquí. A partir do 14 de marzo, debido ao confinamento provocado pola pandemia da Covid-19, todas as iniciativas foron canceladas.
A programación será retomada en xaneiro de 2021, seguindo o calendario previsto para este ano. Ademais da adaptación dalgúns eventos realizados anualmente á participación de proxectos culturais do territorio do Eixo Atlántico, está previsto un conxunto de iniciativas inéditas como un festival de jazz, o seminario A Cultura no Eixo, un festival de cultura urbana, un programa de visitas aos camiños romanos do Eixo Atlántico, ademais do Noroeste- festival de música contemporánea de raíz, entre outros.
O Municipio de Braga ten como propósito crear un legado permanente desta “capitalidade” a través da creación dunha galería onde estarán expostas todas as obras premiadas das sucesivas edicións da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico.
Lémbrese que o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular constitúe unha Asociación transfronteiriza de Municipios, de dereito privado, sen fins lucrativos que configuran o sistema urbano do euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Neste momento, o alcalde de Braga, Ricardo Río, preside ao Eixo Atlántico.