Skip to main content

A artista e profesora Paula Tavares presidirá o xurado da XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

A artista e profesora Paula Tavares presidirá o xurado da XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

O prazo para a recepción das obras dos artistas remata hoxe

A artista, profesora e investigadora portuguesa Paula Tavares presidirá o xurado da XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico.

Xunto á artista portuguesa o xurado da Bienal de Pintura do Eixo está conformado por representantes das entidades colaboradoras, así como polo gañador da pasado edición.

En concreto este ano forman parte do xurado José Antonio Rodríguez Fachado, en representación da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; María Pereira Otero, en representación da Secretaría Xeral de Cultura; Ricardo Carbalho, da Fundação da Juventude e Olmo Blanco, gañador da pasada edición.

O xurado reunirase o vindeiro 19 de setembro para realizar a selección das obras que integrarán a exposición itinerante. Seleccionará un máximo de 30 propostas finalistas que configurarán o catálogo dixital do premio e constituirán a colección itinerante para as sucesivas exposicións que terán lugar en cidades galegas e portuguesas pertencentes ao Eixo Atlántico.

O fallo do xurado farase público o día da inauguración da exposición, cando tamén se fará entrega dos premios aos galardoados.

 

Fin do prazo de inscrición

O prazo para a recepción das obras dos artistas que participarán na XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico remata hoxe, 14 de setembro. Toda a información necesaria para participar no certame atópase na web www.bienalpinturaeixoatlantico.com

 

Gañadora da segunda edición

Paula Tavares foi a gañadora na II edición da Bienal coa obra “Red”, en 1998. É licenciada en Artes Plásticas pola Facultade de Belas Artes do Porto e doutorouse en Belas Artes na Universidade de Vigo en 2006 coa tese “As complexas relacións entre a arte e a política na cultura occidental. A arte política como contradición institucional”.

Actualmente é directora da Escola Superior de Design do Instituto Politécnico do Cávado e do Ave (IPCA). É tamén directora do Mestrado em Ilustraçao e Animação do IPCA.

Participa en seminarios, workshops e conferencias periodicamente, presentando traballos de investigación no ámbito do deseño, ilustración e animación. As súas publicacións son predominantemente das áreas de deseño, ilustración e animación, así como de teoría e práctica da arte contemporánea.