Skip to main content

50 artistas galegos respaldan a programación de verán de Pontevedra

50 artistas galegos respaldan a programación de verán de Pontevedra

As actividades están agrupadas en 18 programas e distribuiranse en 13 espazos escénicos repartidos por toda a cidade e polos barrios

Portavoces dos grupos políticos da corporación e 50 artistas e representantes de produtoras e compañías, tanto de Pontevedra como de toda Galiza, arrouparon a presentación da programación de verán de Pontevedra. A presentación, que tivo lugar nun acto público na praza da Peregrina, estivo encabezada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola concelleira de Festas, Carme da Silva, e incluíu pequenas intervencións musicais de Marcelo DoBode e Cora Velasco, e unha breve intervención humorística de Quico Cadaval.

En palabras do alcalde, as deste ano “serán unhas festas diferentes para que Pontevedra se poida vivir durante todo este verán, con actividades descentralizadas, en pequenos grupos e cunha programación intensa con preto de 300 actividades”. Na súa intervención Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que “desde o primeiro momento nós non quixemos tirar nunca a toalla e falamos de evitar suspender e de reinventar”, e que para iso foi preciso “cambiar os esquemas previstos, e non vai haber grandes concertos de grandes artistas a nivel internacional, pero dentro do propio país, en Pontevedra e en Galiza, temos artistas que interesa dar a coñecer e cos que disfrutar todo este verán”.

O programa físico inclúe un mapa coa localización dos 13 espazos escénicos nos que se desenvolverán as actuacións, un apartado especial dedicado á semana da Peregrina, e un pequeno crebacabezas coa imaxe e o lema deste ano “Pontevedra Vívese”.

As primeiras actividades terán lugar este venres na praza na Ferreiría no marco do XXI Memorial Ricardo Portela, e continuarán ao longo de xullo e agosto cos 18 programas específicos desta edición.