O evento de carácter bienal celebrarase no Auditorio de Vilagarcía de Arousa os días 22 e 23 de abril e estará dedicado ao compositor de Mirandela, Eurico Carrapatoso
Contará con 198 estudantes de de Conservatorios de 19 cidades de Galicia e Portugal integradas na eurorrexión. A edición de 2016 renderá homenaxe ao compositor luso Eurico Carrapatoso.
A Mostra Musical do Eixo Atlántico ten carácter bienal polo que nesta quinta edición cumpre xa unha década de vida baixo este formato de ámbito transfronteirizo, posto que naceu anos antes como a Mostra de Xóvenes Intérpretes, un evento de carácter local promovo pola asociación de país e nais do ensino musical de Vilagarcía como medio de dar a coñecer e promocionar o talento dos alumnos da Escola Municipal de Música Bernardo do Río e do Conservatorio Municipal de Vilagarcía.
Na presentación de evento, O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, fixo referencia aos inicios da Mostra durante a presentación, agradecendo aos promotores da iniciativa e ao entón alcalde de Vilagarcía, Javier Gago, a amplitude de miras suficiente para decatarse do gran potencial que tiña este evento e propor a súa organización a través do Eixo Atlántico. Varela tamén agradeceu a excelente acollida e o apoio que o organismo prestou a esta iniciativa “xa que a Mostra non chegaría a ter a repercusión que ten de non ser polo Eixo e o poder de convocatoria con que conta”.
Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, comentou ao respecto que “o único que facemos é potenciar as boas ideas, e cando se nos expón esta, pareceunos algo magnífico porque reunía aspectos como a cultura, a educación e a promoción dos novos talentos. E non nos equivocamos, como demostran que en só cinco edicións, a Mostra Musical do Eixo Atlántico converteuse en todo un referente da cultura musical en toda Galicia e Norte de Portugal”.
Mao achegou datos da participación para ilustrar a positiva evolución da Mostra Musical que no últimas tres edicións incrementouse en torno ao 30%. Na terceira edición, no ano 2012 o evento contou con 38 actuacións de 14 cidades, mentres que na edición deste ano, a quinta, haberá 55 actuacións e 19 cidades representadas. Ademais de dar a coñecer o talento dos músicos que se están formando en Galicia e norte de Portugal convértese nunha estratexia de mercadotecnia que está a ter moi bo resultado. Outro dos aspectos máis importantes deste evento é a súa vertente de creación de emprego, xa que, como destacou o secretario do Eixo, “a Mostra serve para que os Concellos comecen a contratar a eses rapaces para as súas programacións culturais”.
Co fin de promocionar e dar a coñecer a calidade dos compositores e músicos en activo actualmente na eurorrexión, a Mostra dedícase cada ano a unha figura destacada. Este ano o homenaxeado é o compositor e profesor de música luso *Eurico Carrapatoso, de Mirandela.
Biografía de Eurico Carrapatoso
Eurico Carrapatoso naceu en 1962 e é natural de Mirandela.
É licenciado en Historia pola Facultade de Letras da Universidade do Porto.
Iniciou os seus estudos musicais en 1985, sendo alumno de composición de José Luís Borges Coello, Fernando Lapa, Cândido Lima e Constança Capdeville. Concluíu en 1993 o curso superior de composición no *Conservatório Nacional de Lisboa con Jorge Peixinho.
Foi asistente de Historia Económica e Social na Universidade Portucalense.
Deu clases na área da composición en varias institucións, concretamente na Escola Superior de Música de Lisboa, en Escola Nacional Superior de Orquestra e na Escola de “Amadores de Música”.
É desde 1989 profesor de Composición no Conservatorio Nacional, integrando o cadro desta institución.
Recibe regularmente encargos e a súa música é interpretada, executada, editada e difundida desde 1992 en Europa e no resto do mundo.
Fundou ou integrou o xurado de varios premios de composición tales como o Premio Jorge Peixinho, o Premio Eborae Musica - 2ª Escola de Évora, o Premio Don Dinis e o Premio de Composición da Sociedade Portuguesa de Autores.
A súa música interpretouse tres veces Portugal na Tribuna Internacional de Compositores da UNESCO realizadas en París en 1998, 1999 e 2006.
Gañou as primeiras edicións do Premio de Composición Lopes-Graza da Cidade de Tomar e do Premio Francisco de Lacerda.
En maio de 2001 foi distinguido pola Sociedade Histórica da Independencia de Portugal co Premio da Identidade Nacional.
En 10 de Xuño de 2004 foi condecorado polo Presidente da República coa “Comenda da Orde do Infante Dom Henrique”.
En maio de 2011 foi distinguido co Premio Árvore dá Vida polo Secretariado Nacional da Pastoral da Cultura.
