Skip to main content

Segue o programa da Feira do Cocido de Lalín que ten o seu día grande esta fin de semana

Segue o programa da Feira do Cocido de Lalín que ten o seu día grande esta fin de semana

O programa conta con máis de medio cento de actividades nas que se aposta pola participación, a colaboración cidadá, a diversidade e a solidariedade

A edición número 48 da Feira do Cocido conta este ano con estas novidades principais:

XANTAR SOLIDARIO (31 DE XANEIRO)
O denominado Cocido Solidario 2016 substituirá á anterior comida oficial. Coa celebración deste evento, o Concello de Lalín pretende recadar fondos con fins solidarios para destinalos ás distintas asociacións sen ánimo de lucro do municipio e así colaborar no cumprimento de accións sociais, unha das prioridades do Goberno local. Este ano os fondos irán destinados á Asociación ARANES e a asistencia ao Cocido Solidario 2016, que se celebrará no Hotel Torre do Deza, estará aberta ao público en xeral. O prazo para facerse cunha entrada rematará o próximo 26 de xaneiro.
ALDEA SINGULAR (ENTREGA 31 DE XANEIRO)
Este galardón ten como principal obxectivo recoñecer os valores patrimoniais, sociais, culturais e paisaxísticos dos moitos núcleos de poboación que existen no rural de Lalín. Desta maneira tamén se avanzará nunha das principais intencións do Goberno local para este mandato: promover a posta en valor, o coidado, a recuperación e a rehabilitación dos lugares e parroquias de Lalín. Neste sentido, Cuíña reitera que “a Encomenda do Cocido constituía un claro exemplo de acto propagandístico para contentar aos amigos políticos”.

CARPA DO COCIDO
Outra das novidades deste ano. Será unha carpa iglú, transparente, de 70 metros de longo por 20 de ancho, patrocinada por Mahon. Nela instalaranse durante os días da Feira os postos de venda de produtos cárnicos, alimentación, artesanía, etc. Trátase dunha actividade tradicional da Feira á que este ano se lle pretende dar unha visión innovadora coa redefinición das actividades presentes neste espazo. Realizaranse actividades tamén durante todo o tempo que estea instalada no Campo da Feira Vello o que garantirá unha gran afluencia de público independentemente da situación climatolóxica.
COCIDO LGTB (5 DE MARZO)
O Cocido LGTB que se está a organizar en colaboración con diferentes asociacións de toda Galicia é outra das iniciativas novidosas que vai incluír este ano a programación da Feira do Cocido. O seu obxectivo pasa por ser una xornada de reivindicación e visibilización do colectivo LGTB, ao tempo que se afonda no propio carácter lúdico e gastronómico da Feira do Cocido de Lalín.


O Concello estrea un novo portal dedicado á Feira do Cocido (www.feiradococido.lalin.gal). Será o contedor dos principais acontecementos desta edición do Cocido, mais non terá un carácter estacional, senón que manterá a súa actividade ao longo do ano recollendo eventos relacionados coa feira e a promoción turística do Concello.

As seccións da web recollerán as distintas actividades que se desenvolverán nestes meses, dende a información institucional ata eventos culturais e deportivos, configurándose como o punto de encontro dixital da feira do cocido. O portal irá acompañado dunha estratexia de comunicación nas distintas redes sociais (facebook, twitter, pinterest e instagram). Tamén contará cun directorio de locais e empresas gastronómicas ligadas ao cocido, como restaurantes, carnicerías, panaderías e queixerías.

O deseño da web fai uso de tecnoloxías que permiten a súa adaptación aos distintos dispositivos  (computadores, móbiles, tablets e smart tvs) e cumpre as directrices en materia de accesibilidade web, conseguindo un maior grao de universalidade garantindo o acceso a persoas con diversidade funcional.