A Coruña, Carballo, Ferrol, Ribeira, Vigo e Vilagarcía da Arousa, son os municipios galegos do Eixo Atlántico que contan con bandeira azul en 2023. As praias de Caranza, en Ferrol, e O Adro, en Vigo, entran na listaxe por primeira vez
Galicia contará este ano cun total de 113 praias pertencentes a 34 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.
Desde maneira, Galicia concentra case una de cada cinco bandeiras concedidas en todo o país e consolida a súa posición entre o tres comunidades autónomas que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia (que ten 135) e Andalucía (127).
Fai falta subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas ?que ten que ser excelente?; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade.
Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 58 que recaen noutras tantas praias e 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 37 areais e 5 portos e, no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 18 praias e 1 porto deportivo.
Ademais, Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou o ano pasado. O concello pontevedrés suma tamén outras 3 distincións para os seus portos deportivos e terá de novo 1 centro azul.
Así mesmo, no caso da provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra este ano un maior número de bandeiras, cun total de 8 praias seleccionadas; seguido da Coruña (5 areais e 1 porto), Oleiros (con 5 areais distinguidos ademais de contar con 2 centros azuis) e Ferrol (con 5 praias recoñecidas tamén ao sumar a de Caranza).
Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, un total de 5; seguido de Burela, con 3 praias e 2 centros azuis; Barreiros, con 3 areais; e Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira azul e o único porto distinguido nesta provincia.



![]()
