Os cursos son totalmente gratuítos, xa que están financiados polo Concello de Santiago
O Concello de Santiago lanza a súa maior oferta formativa online dos últimos anos para mitigar os efectos da crise sanitaria global, poñendo ao dispor de todos/as os/as habitantes maiores de 16 anos, censados na capital galega, na busca de emprego e ocupados, 1.500 prazas en máis de 100 cursos online de múltiples áreas profesionais. Eses cursos enmárcanse no programa Talentia Summit’20 e están dentro do Plan para a reactivación económica posto en marcha polo Goberno municipal. A inscrición está aberta dende hoxe.
"Continúa coa túa formación ao máis alto nivel, inviste o teu tempo durante esta corentena no maior valor para o teu futuro profesional. Agora, máis que nunca, inviste no teu talento".
Estes son os lemas da oferta de cursos presentada este mércores polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, quen estivo acompañado na rolda de prensa polo técnico municipal responsable de Emprego, Xavier Ferreiro. O rexedor animou á cidadanía a participar nestes cursos e a que "aproveiten esta oportunidade para mellorar a súa formación". Neste sentido, indicou que "despois da crise, haberá grandes cambios, que pasarán pola innovación e as novas tecnoloxías, e debemos aproveitar para posicionarnos neste novo escenario económico".
Requisitos
Os únicos requisitos para ter acceso a esta formación son: ter como mínimo 16 anos de idade e estar rexistrado/a no Padrón Municipal de Habitantes de Santiago. Os cursos online están dirixidos a: persoas desempregadas, persoas traballadoras en ERTE, persoas empregadas en PEMES e persoas autónomas
Os cursos son totalmente gratuítos, xa que están financiados polo Concello de Santiago. Cada persoa poderá realizar un curso online ao mesmo tempo, e cando o remate, poderá realizar outro se o desexa, ata que se finalicen as prazas. A oferta componse de 100 cursos online de diferentes áreas profesionais, cun total de 1.500 prazas dispoñibles. Serán 4.700 horas de formación.