Esta oferta de cursos online enmárcase no Talentia Summit'20
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou a nova oferta de formación online, deseñada polo departamento de Emprego a través do programa Talentia Summit’20, dentro do Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020, posto en marcha polo Concello de Santiago co obxectivo de mitigar os efectos da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Son un total de 4.000 novas prazas, que se suman ás 1.500 lanzadas hai un mes, cubertas practicamente na súa totalidade. Esta convocatoria conta dúas importantes novidades. A primeira, a formación mobile learning, cunha serie de cursos, que suman 3.200 prazas, optimizados para facelos 100% dende o móbil e que teñen como obxectivo facilitar o acceso de máis persoas as actividades formativas. E a segunda, unha acción formativa sobre COVID-19, coñecementos que, presumiblemente, cada vez serán máis demandados en distintos sectores económicos, entre eles a hostalería e o comercio. O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende hoxe e ata esgotar as prazas.
As distintas accións formativas, centradas nas tendencias profesionais máis demandadas do mercado laboral, divídense en tres grandes bloques de especialización e aprendizaxe: "Idiomas, comunicarse nunha cidade cosmopolita", "Habilidades e actitudes. Medrar e liderar o cambio dixital e persoal" e "Competencias profesionais, é momento de reinventarse". Durante a comparecencia, o alcalde destacou "a aposta sen precedentes por potenciar o talento e a recalificación profesional online para combater as secuelas da COVID-19, despois do éxito da anterior convocatoria formativa".