O deseño do mesmo correu a cargo da artista Teresa Candal, quen xa colaborou no deseño deste cartel nas anteriores edicións do Festival
O Centro do Viño de Monforte de Lemos acolleu a presentación do cartel oficial da que será a terceira edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2019, evento que terá lugar no paseo do Malecón da cidade os vindeiros 5, 6 e 7 de xullo do presente ano. A presentación correu a cargo do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen estivo acompañado pola tenente de alcalde do Concello, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada.
A persoa que se encargou do deseño de dito cartel foi a artista coruñesa Teresa Candal, licenciada en Bellas Artes, na especialidade de Deseño Gráfico con máis de 10 anos de experiencia, que ademais é Deseñadora e Pintora, tendo no seu haber varias exposicións.
Deste xeito, o Alcalde explicou que “o cartel que finalmente seleccionamos de entre as propostas que nos fixo Teresa, é porque transmite unha imaxe sobria, serena. A autora, ideou un cartel dirixido a un público que disfruta do viño ou que ten curiosidade polo mundo do viño, tanto da xente do rural como do urbano.”
José Tomé rematou manifestando o seu desexo, así como o de todos os adegueiros participantes de “queremos que nos visite moita xente durante os tres días que vai durar o evento, que en definitiva debe supoñer o colofón a todas as feiras que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe”. Do mesmo xeito “a celebración deste evento pensamos que vai ser un reclamo importante para atraer xente a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, co fin de contribuír a dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostaleira e o comercio”.