Skip to main content

Pontevedra, exemplo de loita contra a polución

Pontevedra, exemplo de loita contra a polución

O Observatorio de saúde e medio ambiente inclúe medidas anticontaminación aplicadas en Pontevedra como “modelos a seguir”

Pontevedra é unha das catro cidades españolas que o “Observatorio de saúde e medio ambiente” pon como exemplo a seguir para mellorar a calidade do aire. Ademais de Pontevedra o informe recolle as medidas postas en marcha en Vitoria-Gasteiz, Sevilla e Madrid. O observatorio no que participan de DKV Seguros e a Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento (ECODES) ten como obxectivo o estudo e análise das últimas investigacións realizadas en materia de saúde e medio ambiente.
Pontevedra: o concepto de tráfico evaporado
O estudo pon de manifesto que o modelo de cidade implantado en Pontevedra, no que se dá prioridade ao peón por diante dos coches, serviu para mellorar a calidade do aire no centro urbano. A aposta pola peonalización e, por tanto, polo concepto de tráfico evaporado ou tráfico desaparecido, serviu para que dos 74.000 vehículos que accedían diariamente ao centro da cidade en 1996 a día de hoxe só circulen 22.709, segundo datos de 2014. Este obxectivo foi posible ao implementar o Concello unha serie de medidas, entre elas, ampliar o espazo de rúas e prazas para os peóns, reducir a velocidade a 30 km/h., eliminar o tráfico de paso e o pesado en zonas residenciais, limitar o estacionamento na cidade, creando aparcadoiros disuasorios e gratuítos na periferia Ademais, Pontevedra puxo en marcha campañas para incentivar a camiñar na cidade como o “Metrominuto”, un mapa cos tempos aproximados para moverse camiñando e que foi copiado por outras moitas cidades.