Skip to main content

Pontevedra avanza na creación dun sistema propio de teletraballo

Pontevedra avanza na creación dun sistema propio de teletraballo

Reforza o servizo de Informática para implementar ferramentas telemáticas tales como un sistema de información xeográfica, asistencia por video conferencia e cita previa informatizada

A Xunta de Goberno de Pontevedra vén de aprobar a memoria elaborada polo servizo municipal de Informática na que se detallan os obxectivos de traballo a longo prazo e que motivan a incorporación de dúas persoas ao equipo por un período de tres anos. Entre os obxectivos descritos destacan a creación dunha plataforma propia de teletraballo, un sistema de información xeográfica e a implantación de asistencia por videoconferencia e de cita previa informatizada.

Este reforzo de medios persoais enmárcase, tal e como explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías “na liña traballo encamiñada a modernizar a Administración local e mellorar e axilizar a atención ao cidadán que, hoxe en día, vén da man do emprego de novas ferramentas tecnolóxicas ou telemáticas”. Anabel Gulías indicou que esta liña de traballo, iniciada xa a comezos deste mandato, se veu reforzada tras a crise sanitaria, posto que “cambiou a forma de relacionarnos, entre os traballadores e traballadoras do Concello e tamén na atención ao cidadán, e fixo necesario marcar unha nova reorganización de todo o servizo”.