Skip to main content

O Primeiro parque eólico flotante de Europa Continental instalado en Viana

O Primeiro parque eólico flotante de Europa Continental instalado en Viana

Con capacidade para xerar enerxía suficiente para fornecer 60 mil familias por ano, as plataformas están instaladas no mar, a vinte quilómetros de Viana do Castelo

É un fito da enxeñaría para Navantia Fene, a plataforma coa turbina totalmente instalada para o parque eólico mariño flotante de Windfloat Atlantic, o primeiro que se constrúe na Europa continental. Estará situado en augas de Portugal, a 20 quilómetros da costa de Viana do Castelo e a apenas 60 da fronteira con España.

O proxecto, liderado pola portuguesa EDP Renovables cunha participación de Repsol do 19,4%, é ademais unha clara aposta polas enerxías renovables que abre un campo cuxos límites aínda non se atisban. Ante a escaseza de emprazamentos en terra, os parques mariños benefícianse dun vento máis frecuente e intenso, que lles dota de maior carga.

O parque eólico flotante portugués conta cos aeroxeradores máis grandes do mundo dispoñibles comercialmente, de case 9 MW cada un, o que contribúe a incrementar a xeración de enerxía e fomenta unha redución considerable dos custos asociados ao ciclo de vida e a súa facilidade de ancorado
Europa instalou en 2018 un total de 2.600 megawatts de nova potencia eólica mariña, segundo a patronal do sector, WindEurope. O parque continental creceu así un 18% no último ano, no que se conectaron 15 parques mariños que elevaron a 105 o total de instalacións. Delas, unha soa é de carácter flotante: a inaugurada en 2017 en augas escocesas pola petroleira norueguesa Statoil. A súa potencia é unha terceira parte da que entrará en funcionamento en Portugal.

O proxecto Windfloat Atlantic emprendeuse cun investimento de 125 millóns de euros, dos que 60 millóns foron aportador polo Banco Europeo de Investimentos. A vicepresidenta do BEI, Emma Navarro, presentou o apoio ao proxecto en 2018 como unha demostración de compromiso cos proxectos de enerxías limpas. A plataforma “offshore” sumou outros 29,9 millóns do programa NER300 da Unión Europea e até 6 millóns do Goberno portugués. Para Repsol, a súa implicación en Windfloat Atlantic reflicte o seu compromiso "coa innovación e a transición enerxética".