O Eixo Atlántico inicia o debate coas cidades para a posta en marcha do Plan de Acción da Axenda Urbana
Medio cento de representantes de municipios do Eixo participaron na reunión celebrada na Universidade de Vigo
Tras o lanzamento do Plan de acción que tivo lugar no Foro celebrado na Coruña o 15 de marzo, o Eixo Atlántico inicia o debate coas cidades que participarán na implantación da Axenda Urbana.
Na reunión, celebrada no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, participaron medio cento de representantes políticos e responsables técnicos dos concellos.
Durante a reunión, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, presentou o plan de acción da Axenda Urbana, para dar paso a José Soeiro (membro do equipo redactor), quen expuxo as medidas do Plan de Acción, desenvolvido no marco do proxecto europeo MC2. Martín Fernández Prado, quen tamén é membro do equipo redactor da Axenda Urbana, levou a cabo unha exposición da metodoloxía do traballo do plan de acción para recoller o feedback das cidades.
Na segunda parte da reunión, José Sánchez Bugallo, coordinador dos proxectos piloto, presentou os traballos que se van a realizar coas cidades, que poderán sumarse aos grupos de traballo específicos que se van a constituír para a definición e implantación dos proxectos piloto.
A Axenda Urbana do Eixo Atlántico
O Eixo Atlántico traballa na primeira Axenda Urbana transfronteiriza da UE. Esta enfócase como unha estratexia de desenvolvemento urbano coordinado para todas as cidades do Eixo Atlántico, de maneira que avancen todas aínda que cada unha ao seu ritmo e segundo as súas prioridades cara a unha mesma dirección, xerando sinerxías e complementariedades que permitan o desenvolvemento do territorio Galicia-Norte como un todo.
A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal configúrase como a máis dinámica e estable dentro de Europa e constitúe a terceira área urbana da Península Ibérica.
Con todo, esta puxante área atópase con problemas de mobilidade, como é o déficit na rede ferroviaria e a coordinación entre portos e aeroportos ou dificultades no ámbito da política industrial como unha asimétrica ocupación do solo produtivo.
O plan de acción concíbese como un marco de referencia dotado de instrumentos válidos para conseguir os obxectivos acordados. Aspira a ser indicativo para as autoridades públicas e a sociedade civil, sen ser imperativo en ningún caso. Isto só será posible coa implicación activa de todos os actores na súa elaboración, na súa xestión e no seu seguimento. O seu horizonte espacial vai ser o conxunto da Eurorrexión e, moi especialmente, o seu sistema urbano. Pretende ser un instrumento orientador de políticas públicas, nunca un receitario homoxéneo e uniformador.
O plan de acción articúlase en torno o catro prioridades estratéxicas que recollen e distinguen o cinco eixos establecidos na Axenda Urbana: a cidade do futuro; desenvolvemento e emprego: a Eurorrexión do coñecemento; cohesión territorial e reto demográfico; e espazo eurorrexional.
Galería de fotos