Monforte presenta a XVI edición da Feira Medieval, que se celebrará o 31 de marzo e 1 de abril
Este ano haberá récord de participación, con máis de 150 solicitudes para situar postos no evento
O Concello de Monforte presentou esta semana a campaña promocional da décimo sexta edición da Feira Medieval de Monforte, un evento que se celebrará os vindeiros 31 de marzo e 1 de abril. Durante a roda de prensa o rexedor estivo acompañado da concelleira de Cultura, Marina Doutón, do produtor Iván Patiño, e do deseñador do cartel Xosé Quiroga.
O alcalde, José Tomé, indicou que “este ano máis dun cento de postos, en concreto, 161, solicitaron xa participar neste evento. Esta é a cifra máis alta dende que se celebra a Feira; un dato que demostra como este acontecemento se consolida cada vez máis”.
Ademais, o Alcalde adiantou que “nesta décimo sexta edición aumentamos o espazo que vai ocupar a Feira Medieval. A maiores das localizacións do pasado ano, ocuparemos tamén a praza das Clarisas e o Campo de San Antonio”.
As imaxes do vídeo foron filmadas durante a Feira Medieval do pasado ano e un ano máis, o traballo leva a sinatura de Iván Patiño, produtor de Amanita Films.
O vídeo promocional vaise difundir a través do mupi do Cardeal, do facebook do Concello e tamén dende a web do Eixo Atlántico. Este organismo vaise encargar de distribuílo ós 38 concellos que conforman a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Pola súa parte, o autor do cartel é Xosé Quiroga. Unha das novidades deste ano é que a imaxe central é unha muller: “dende o propio Concello solicitámoslle expresamente ó deseñador que empregase este elemento. Ademais, mantemos outros aspectos que son identificativos de Monforte, como é o caso da Torre da Homenaxe e da Tau, que foi o noso escudo durante moito tempo”, detallou o Alcalde.