Contará coa cifra máis alta de postos desde que se celebra o evento
O alcalde de Monforte, José Tomé, deu a coñecer a campaña promocional que o Concello ten en marcha para darlle a máxima difusión posible á Feira Medieval, que se vai celebrar os vindeiros 15 e 16 de abril. Durante a roda de prensa o rexedor estivo acompañado da concelleira de Cultura, Marina Doutón, do produtor Iván Patiño, e do deseñador do cartel Xosé Quiroga.
“Queremos conseguir a máxima difusión da XV edición da Feira Medieval para que o evento siga medrando”, explicou o mandatario local, “por este motivo, o que facemos é adiantar aínda máis a promoción dos tempos da feira para chegar a máis xente doutras vilas e cidades, e polo tanto, que sexa máis coñecida e que a xente poida incluíla dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións da Semana Santa”.
José Tomé engadiu que “este ano máis dun cento de postos, en concreto, 116, solicitaron xa participar neste evento. Esta é a cifra máis alta dende que se celebra a Feira; un dato que demostra como este acontecemento se consolida cada vez máis”.
Por outra parte, o alcalde adiantou que “nesta décimo quinta edición aumentamos o espazo que vai ocupar a Feira Medieval, que vai ter o mesmo que tivo o ano pasado pero, a maiores, recuperamos a zona do cárcere vello, e a rúa Falagueira aproximadamente ata a metade e tamén a rúa Pescaderías, para poder desenvolver alí actividades”.
Promoción da Feira Medieval
As imaxes do vídeo que se presentou foron filmadas durante a Feira Medieval do pasado ano. “Desta volta incorporamos novos elementos, como é o caso do dron, que nos axudou a construír un relato moito máis heroico. O noso obxectivo era conseguir algo dinámico que estivera á altura dun dos acontecementos máis importantes de Monforte”, explicou Iván Patiño. O produtor de Amanita Films dixo tamén que, ó igual que o pasado ano, a composición da banda sonora é obra do monfortino Fabio González.
Pola súa parte, o autor do cartel, Xosé Quiroga, destacou que “o motivo principal do deseño é a Tau, que está moi arraigada á nosa historia, foi principalmente o noso escudo durante moito. Ó mesmo tempo, no meu deseño quixen facer unha chiscadela á tradición da fabricación da seda”.