Monforte pon en marcha un servizo de impresión de materiais escolares para estudantes da cidade
Ante nova situación derivada da pandemia do coronavirus, dende os diferentes centros educativos artelláronse, a través de sistemas telemáticos, diferentes fórmulas docentes co obxectivo de que os alumnos e alumnas puideran continuar, dende os seus fogares, coa súa formación académica.
Deste xeito, os diferentes contidos educativos ideados polos equipos docentes para os seus alumnos durante este confinamento por mor do Coronavirus, estanlles sendo remitidos mediante arquivos telemáticos, a través do correo electrónico ou a través de portais e plataformas dende as que se poden baixar ditos materiais formativos.
En moitos casos, xurde a necesidade entre os estudantes, de que ditos arquivos telemáticos poidan ser transformados en papel, co obxectivo de traballar con eles dunha maneira máis cómoda, facilitando así a súa aprendizaxe.
Neste senso, nos pasados días, tal e como sinala o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, “foi remitido un escrito á Alcaldía no que se manifestaba a falta de medios de impresión deste tipo de documentos por parte do colectivo estudantes do noso municipio”.
Detectada esta nova necesidade derivada do estado de alarma polo COVID-19, “dende o Equipo de Goberno do Concello, como ben sendo habitual dende o inicio da crise, apoiamos a todos os nosos cidadáns e colectivos, poñendo á súa disposición todos os medios cos que conta o Concello para tratar de minimizar as consecuencias derivadas da crise sanitaria que estamos a padecer”, indicou o rexedor monfortino.
Deste xeito, o Alcalde de Monforte asinou un decreto mediante o cal se posibilita a impresión de documentos educativos a todos os/as estudantes que estean empadroados/as na cidade. Tanto a recepción de documentos, como a impresión dos mesmos e a posterior entrega ás persoas que os enviaron será coordinada dende o Departamento de Servizos á Cidadanía do Concello.
Para poder utilizar este servizo de impresión, os demandantes deste servizo deberán enviar un correo electrónico á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. A este correo, ademais de enviar os documentos que desexen imprimir, tamén deberán indicar os seus datos persoais (nome e apelidos, DNI, dirección) e un número de teléfono para que, unha vez impresos os documentos, poidan poñerse dende o Concello en contacto con cada demandante, ben a través do teléfono de contacto ou ben a través do propio correo electrónico do solicitante, para concretar a cita da recollida das impresións levadas a cabo.