Lugo e Ferrol reafirman o seu irmanamento facendo fincapé no crecemento económico e en reivindicar melloras nas comunicacións
Ambos os dous rexedores destacaron que é un obxectivo irrenunciable reclamar avances nas infraestruturas viarias e ferroviarias para interconectar as cidades en Galicia e co exterior
Un ano máis, o San Froilán reserva unha xornada para celebrar o Día de Ferrol. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o rexedor ferrolán, Ángel Mato, presidiron os actos conmemorativos, que arrincaron coa tradicional recepción á Corporación na Casa Consistorial, á que asistiron, como é tradicional, numerosos ferroláns que se achegaron ata Lugo para gozar das festas.
Durante o acto oficial, a Alcaldesa destacou os fortes lazos de amizade e complicidade que unen as dúas cidades desde 1906, que se reforzou cun irmanamento no ano 2000, e que “cada Día de Ferrol reafirmamos”. Hoxe, afirmou, “é unha xornada para mirar tamén xuntos ao futuro porque temos en común retos e demandas, polo que este acto nos sirve para renovar o compromiso de colaboración e lealdade entre ambas as dúas cidades, así como a vontade de traballar conxuntamente en favor do desenvolvemento da Galicia do norte”.
A Alcaldesa lucense quixo, neste punto, volver reivindicar solucións para os problemas comúns das dúas cidades, especialmente das infraestruturas viarias e ferroviarias, tanto para viaxeiros como de mercadorías, para non perder competitividade”. Por iso, incidiu, “Ferrol e Lugo debemos estar presentes no Corredor Ferroviario Atlántico de mercadorías como un dos eixos fundamentais da reindustrialización na que nos atopamos inmersos os dous municipios”. “Acadamos hai unhas semanas o compromiso en Lugo da Secretaria de Estado de Infraestruturas para que se presenten estas conexións na fiestra que se abre o vindeiro ano para incluír máis liñas nas conexións ferroviarias europeas, tendo en conta a creación dos nodos portuarios de A Coruña e Ferrol dos que a nosa cidade non pode quedar illada”, dixo. “Nesta loita imos da man Lugo e Ferrol, conscientes Ángel Mato e eu de que esa unidade de acción desde o local debe primar polo ben dos cidadáns”.
Pola súa banda o Alcalde de Ferrol indicou que, “Ferrol avanza. En moitos aspectos, ten na evolución de Lugo un exemplo de como a continuidade dun bo proxecto de cidade ten resultados. Ferrol está dando, pouco a pouco, pasos firmes para converterse nunha cidade máis sostible e á medida das persoas, e os vindeiros anos van ser importantísimos nese eido”.
“Podemos ver aquí, en Lugo, unha mostra do que significa gañar o espazo público para a veciñanza, crear zonas verdes máis amplas e impulsar dende cero a creación de novos barrios con criterios urbanísticos do século XXI. No ámbito do patrimonio e das súas posibilidades turísticas, podemos comprobar aquí tamén o que significa a obtención dun título como o de patrimonio mundial, algo no que Ferrol está a traballar con especial intensidade nos últimos tempos”, destacou Mato.