Skip to main content

Lugo arderá do 16 ao 19 de xuño, con máis de 400 actividades no Arde Lvcvs

Lugo arderá do 16 ao 19 de xuño, con máis de 400 actividades no Arde Lvcvs

A Alcaldesa e a Concelleira de Cultura presentaron a programación destes festexos, da que medio cento de actividades son totalmente novas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, presentaron o programa do Arde Lvcvs 2016, que por primeira vez, e coincidindo co seu quince aniversario, durará catro días, do 16 ao 19 de xuño.

Nesta 15ª edición do Arde Lvcvs haberá unhas 400 actividades diferentes dirixidas a todos os públicos, entre as organizadas polo Concello e as asociacións, das que medio cento son totalmente novas. “O Arde Lvcvs é unha festa dinámica, viva e en constante renovación, por iso cada ano introducimos novidades”, subliñou a rexedora. Entre estas novidades destaca o Convivium -unha comida de confraternidade romana-, o musical Hércules, a evocación do nacemento destes festexos, que conmemoran o 15 aniversario do Arde Lucus, un desafío entre titáns, novidosos espectáculos de pirotecnia como O carro de Baco e a proxección dun vídeo en realidade aumentada, entre outros. Numerosas actividades contarán cun intérprete de signos.

Lara Méndez tamén lembrou que se manteñen actividades de gran éxito, como é o Circo Romano, que reúne a máis de 6.000 persoas en cada edición, e diferentes actuacións teatrais de todas as compañías de teatro na rúa. As entradas poranse á venda a vindeira semana en www.entradaslugo.es e no Centro de Interpretación da Muralla por un prezo de 2 euros.

Alcance social, turístico e económico do Arde Lvcvs
Durante a presentación, a  Alcaldesa destacou o alcance social, turístico e económico do Arde Lvcvs, que no pasado ano deixou uns 6 millóns de euros na cidade en 3 días e ata un 98% de ocupación hoteleira, concentrando en Lugo a unhas 600.000 persoas, “o que pon de manifesto que esta festa de recreación histórica é un motor imprescindible para axudar ao desenvovemento da nosa cidade e para que cada vez mais xente nos coñeza e nos visite”.  

“A nosa Muralla Romana non vai ser o único Patrimonio da Humanidade que faga de testemuña da convivencia pacífica entre castrexos e romanos. Este ano tamén o farán a Catedral e o Camiño Primitivo, de aí que hoxe presentemos aquí en Porta Miñá este festexos, a saída de Lugo cara a Santiago”, asegurou Méndez, quen avanzou que o Concello está a recuperar toda a documentación necesaria para optar ao recoñecmento de Festa de Interese Turístico Nacional.

 Pola súa banda, Carmen Basadre subliñou a participación que ano tras ano acada esta festa de recreación histórica, chegando a ser un festexo dos máis participativos de todo o territorio español. Neste punto, a edil agradeceu ás asociacións participantes, aos colexios, ás perruquerías, e ás empresas colaboradoras o seu traballo exemplar para que Lugo volva as súas orixes do mellor xeito posible. A Concelleira tamén quixo recordar as actividades do Mivdo Arde, que terán lugar na Praza Maior, na Calella do Hospital, na Praza de Santa María e na Praza de Ferrol.

O Concello destina uns 210.000 euros á organización destas festas, que constitúen un escaparate nacional e internacional de Lugo, aos que hai que engadir uns 65.000 euros de patrocinio. Ademais, a entidade local reparte máis de 45.000 programas, en galego e castelán.

Descontos para revivir o pasado romano

Este ano volverá haber descontos para os que se acheguen os días previos do Arde Lvcvs a Lugo nos autobuses Alsa, ofrecendo do 13 ao 21 de xuño un 25% de desconto, e Arriva, os días 17, 18 e 19 un 10%; así como en tren, onde todos os billetes comprados dende o 14 ao 21 de xuño terán un 30% de desconto. En total, o ano pasado foron preto de 6.000 os beneficiarios destas promocións.

O Arde Lvcvs, a mellor festa de España
O Arde Lvcvs aspira a ser unha das 7 mellores festas de España nun concurso a nivel nacional que busca os mellores festexos, a través dunha plataforma online de votación. Actualmente, con preto de 700 festas competindo, o Arde Lvcvs está na primeira posición, con máis de 4.600 votos. O prazo para as votacións estará aberto ata o 31 de decembro e todos os usuarios poderán votar a través da web www.las7mejores.com.

Máis información en www.ardelucus.com o www.lugo.gal