Lara Méndez mobiliza 12 millóns de euros para atraer a Lugo empresas que xeren un alto impacto social e medioambiental
É a maior contía que o Concello pon a disposición de pequenas e medianas iniciativas en toda a súa historia para impulsar e diversificar o tecido empresarial e produtivo de Lugo
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe o lanzamento da Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, coa que mobilizará 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade, atraer empresas e crear emprego sostible. A rexedora lucense explicou que é a maior contía destinada polo Concello en toda a súa historia para diversificar a economía do municipio, “hoxe moi dependente do sector servizos”.
“É o momento de ser realmente ambiciosos e potenciar e reorientar o tecido empresarial e produtivo de Lugo, apostando por radicar no municipio sectores vinculados ás señas de identidade e a marca que Lugo está a asentar dentro e fóra de Galicia: unha cidade que quere estar na vangarda da economía verde e circular, unha cidade amigable e acolledora, pero tamén moderna, innovadora e tecnolóxica”, avanzou.
A rexedora reflexionou sobre a recesión económica global, “á que Lugo non é allea, nin aos problemas sociais derivados da emerxencia sanitaria. Tampouco estamos á marxe do medo e da ansiedade que acompañan esta situación, que xera estados de fonda preocupación e de crispación na veciñanza nun momento de gran vulnerabilidade”. Pero, afirmou: “Debémolo dicir alto e claro, fronte ás incertezas, Lugo non pode permitirse caer no abatemento e, por iso, eliximos xerar esperanza e dar novos pasos co obxectivo de afrontar a crise como unha oportunidade que permita unha transformación real social e económica da cidade”.
Sectores estratéxicos
A Estratexia Lugo Transforma articularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.
“Falamos de enerxías limpas e sostibles, de bioeconomía circular, biotecnoloxía, farmacia, novas tecnoloxías, servizos avanzados á industria e I+D+i, entre outros, quedando excluídos os sectores inmobiliario e financeiro”, comentou a rexedora”.
A alcaldesa de Lugo incidíu na importancia da transformación e diversificación económica, “porque o éxito deste proceso tamén redundará no mantemento do sector terciario e de servizos”. Aseverou que as consecuencias desta pandemia “nos obrigan a reflexionar sobre o noso futuro. Estamos a ver que Lugo non resistirá nin esta nin outra nova pandemia ou crise se o seu PIB e os postos de traballo seguen a depender de xeito tan importante do sector servizos, sen outras alternativas”.
Medidas pioneiras
A alcaldesa contextualizou na rolda de prensa a necesidade dos Gobernos locais de adiantarse na posta en marcha de medidas para previr as consecuencias da pandemia e lembrou que Lugo xa liderou na primeira onda do mes de marzo, cando, desde o primeiro día do Estado de Alarma, centrou os esforzos na saúde e no coidado dos cidadáns, así como en procurar inxectar liquidez tanto nas economías familiares como no tecido empresarial.