Skip to main content

III Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Educación

III Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Educación

O programa europeo Erasmus+ protagonizou a xornada celebrada en Mirandela

O 29 de maio tivo lugar en Mirandela o III Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito da Educación, protagonizado polo programa europeo Erasmus+, que foi pormenorizado por especialistas de España e Portugal.

As palabras de benvida correron a cargo do Secretario-xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e da alcaldesa de Mirandela, Júlia Rodrigues. Ambos incidiron na importancia da educación, entendida nun amplo espectro que vai máis aló da educación formal e da necesidade de continuar a ser entendida como un importante investimento.

O Secretario-xeral do Eixo Atlántico tamén deixou nota de que en outubro se realizará unha reunión do plan de acción da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, a primeira transfronteiriza de Europa, na cal as cidades poderán realizar as súas contribucións para enriquecer e concretar o documento. Mao tamén informou de que a Axenda será presentada na sede da Comisión Europea.

O Vicepresidente da Cámara de Mirandela, concelleiro do pelouro de Educación, Orlando Pires, moderou os dous paneis que compuxeron o programa: Programa Erasmus+ e Experiencias do Programa Erasmus+.

No primeiro panel interviñeron Beatriz Tourón, Xefa de Servizo da Unidade de Educación Escolar e de Persoas Adultas, da Axencia Nacional de España, SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación), que presentou o programa centrado na cooperación para a innovación e intercambio de boas prácticas.

Pola súa banda, Luís Alves, director da Axencia Nacional Erasmus+ Mocidade en Acción de Portugal, presentou o programa, pero centrado nas áreas específicas desta Axencia, situada en Braga, Mocidade e Deporte.

Ambos explicaron aos asistentes as regras para candidaturas a este programa e as próximas datas en que o poden facer, algúns exemplos de proxectos realizados con éxito, así como algunhas novidades relativamente ao programa, en termos de prioridades e orzamento do mesmo. 

No segundo panel, os municipios de Vila Real, Santa Maria da Feira e Vila Nova de Famalicão presentaron as súas experiencias con este programa.

O municipio de Vila Real explicou o proceso de “Conseguir compañeiros” para optar a unha candidatura que espera a súa aprobación.

Santa Maria da Feira, ademais de expor os obxectivos e resultados do seu proxecto The School we Have & The School we Want, presentou o testemuño dunha educadora de infancia, que compartiu cos presentes a súa experiencia, como beneficiaria deste proxecto.

Por último, o municipio de Vila Nova de Famalicão presentou a súa experiencia co Proxecto Ser Europa que busca entre outros obxectivos, promover proxectos que permitan aos alumnos o acceso ás oportunidades de mobilidade nacional e internacional promovendo o diálogo intercultural.


 

pdfPROGRAMA

GALERIA DE FOTOS