O novo logotipo oficial pretende ser unha referencia na reafirmación da identidade e do orgullo de ser “gaiense”
A marca Gaia foi o resultado, segundo o concello, dun “proceso de reflexión, meditado no tempo e identificado como necesidade”. A nova imaxe busca transmitir “unha identidade colectiva para todos os cidadáns”, ademais de reforzar as potencialidades da cidade dentro e fóra do país. Todo iso nunha imaxe moderna, ambiciosa, multicolor, chea de vida e que concentra en si a “multiplicidade da cultura e das vidas de Gaia”, segundo o seu alcalde Vítor Rodrigues.
“A marca pode e debe ser utilizada na promoción de institucións, das empresas e dos negocios. É un elemento demostrativo da forza que resulta dun colectivo e está pensada para crear sinerxías, para facilitar o recoñecemento e para dignificar a orixe da cidade”, sinalou Eduardo Vítor Rodrigues, alcalde da localidade.
O verde do logo representa a Natureza de Gaia, mentres o amarelo significa enerxía, vida e traballo. Xa o vermello é sinónimo do patrimonio do municipio.
“Queremos que a marca de Gaia sexa independente de ciclos políticos e de caprichos persoais momentáneos, é dicir, que sexa unha marca identificable”, engadiu o alcalde.