Recollemos aquí unha pequena mostra do noso Entroido para esta última fin de semana de febreiro
Os concellos de Galicia e norte de Portugal xa están inmersos nas festas do Entroido. Trátase dunha celebración historicamente popular e irreverente que conta con gran tradición ao longo do noso territorio, a un e outro lado da raia. Desde a tradición do cigarróns, peliqueiros e pantallas do triángulo máxico de Ourense aos Caretos que asaltarán o concello de Bragança ou Macedo de Cavaleiros ata o desfile dos Xenerais da Ulla, na comarca de Santiago.
Consulta a axenda do teu concello para coñecer a programación completa.
Recollemos aquí unha pequena mostra do noso Entroido para esta fin de semana grande de festa nos concellos do Eixo Atlántico.
En Verín o venres é de compadreo e comadreo. Trátase do día no que os veciños e visitantes participan xuntos na festa, amenizados por charangas e orquestras. Xa o sábado de Entroido unha descarga de foguetes e bombas coas charangas espertan a todos os veciños. Pola tarde, na “Praza do Cigarrón”, lévase a cabo o acto solemne no que tres novos cigarróns serán vestidos, con todas as honras en presenza de toda a xente que queira acompañalos nese día tan especial. O domingo é o día grande do Entroido en Verín. A primeiras horas da mañá volven ser protagonistas as bombas e as charangas. Ás doce do mediodía comeza o Gran Desfile de Carrozas, Comparsas, Máscaras e Cigarróns, amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verin e das charangas, que percorrerán as rúas da vila.
Na comarca de Santiago os Xenerais da Ulla percorrerán diversas localidades ata o 5 de marzo. O sábado, 25, a partir das 17:00 h estarán en Vedra, Silleda, Santiago de Compostela, A Estrada e Teo.
En Lugo, este sábado a partir das cinco da tarde será o desfile e concurso de disfraces infantís. O desfile estará presidido pola charanga Madia Leva e haberá un premio especial en cada categoría para os disfraces de elaboración propia e con materiais reciclados: papel, cartón, cartulina, corchos, follas de árbores, plásticos ou bricks.
En Pontevedra o desfile será o sábado ás 17.00 horas. Posteriormente, ás
20.00 h horas na Praza da Ferraría será festa do Entroido durante a que se fará entrega dos premios do concurso de disfraces en cada unha das modalidades.
En Vigo o Entroido comezará oficialmente o venres, 24 coa entronización do Meco na Porta de Sol ás 20:00 horas e posterior pregón e concerto do grupo Sidonie. Xa o sábado concentraranse as comparsas e carrozas ás 17.00 h na avenida García Barbón, desde onde partirá o desfile.
Na Coruña o sábado pola mañá abrirase a carpa do Pequeno Circo de Carnaval, en María Pita, e xa apola tarde ás 17.30 h terá lugar o Desfile e Concurso de Carrozas Comparsas, con saída do Cantón Pequeno.
En Macedo de Cavaleiros, pola súa banda, na noite do sábado 25 dase a benvida ás asociacións e institucións do concello cun desfile nocturno onde non faltarán os Caretos de Podence e a queida do Entrudo no Jardim 1º de Maio. Cómpre destacar que o Goberno portugués vén de inscribir a “Festa de Carnaval dos Caretos de Podence” no Inventário Nacional do Património Cultural Imaterial, un requisito previo para a súa candidatura para o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade.
En Bragança tamén merece unha visita o Carnaval dos Caretos. O sábado 25 os Caretos saen ás rúas para asustar as raparigas e danzas coas músicas tradicionais.
O municipio portugués de Vila Real, pola súa banda, tamén festexos desde o 24 e ten programado o seu “Corso de Carnaval” para o domingo 26 a partir das 15.30 h na Avenida Carvalho Araújo.
En Guimarães está previsto que máis de 500 nenos desfilen polas rúas do centro da cidade de Guimarães, o 24 de febreiro, na celebración do “Carnaval da Infância” a partir das dez da mañá.
En Familicão o Carnaval conta con moita tradición e haberá desfiles por todo o concello este fin de semana. O venres 24 está previsto o desfile de Carnaval Infantil ás 14.30 h, o sábado terá lugar un baile de máscaras pola noite e o domingo será a quenda do desfile en Arnoso de Santa Eulália.