Skip to main content

Ferrol pon en marcha un programa de dinamización dos mercados con espectáculos e obradoiros para toda a familia

Ferrol pon en marcha un programa de dinamización dos mercados con espectáculos e obradoiros para toda a familia

Comezarán co samaín e desenvolverase ata a primeira semana de xaneiro, cando se recibirá a visita dos Reis Magos

O Concello de Ferrol vai poñer en marcha en vindeiras datas un programa de dinamización dos mercados municipais destinado a toda a familia. Baixo o lema “Os nosos mercados dan vida. Alimentación saudable e lugar de encontro”, a concellería de Mercados, que dirixe Germán Costoya, deseñou unha serie de actividades que comezarán o sábado 29 coa celebración do samaín nas instalacións de Caranza (de 10.30 a 13.30 horas), A Magdalena (12.15 a 13.45) e Recimil (10.30 a 12.00). Haberá un servizo de maquillaxe terrorífico para os operadores, mentres que os clientes poderán participar en obradoiros terroríficos (mercado de Caranza), nunha tómbola do terror (A Magdalena) e nunha xincana do terror (Recimil). 

As actividades continuarán en novembro. O sábado 12, Paco Pakolas ofrecerá un concerto de rock infantil combinado con contacontos no mercado da Magdalena. O sábado 19 haberá tamén contacontos con Lidia Pena en Caranza. Finalmente, o sábado 26 o mercado de Recimil acollerá obradoiros de robótica.

Para decembro agárdase a visita de Papá Noel aos tres mercados. Será o sábado 24. Entre os días 1 e 22 as familias poderán solicitar un diploma de bo comportamento e unha carta personalizados para as nenas e os nenos. O propio Papá Noel entregarallos o día 24. Os Reis Magos tamén chegarán aos mercados con diplomas e cartas (a data límite para solicitalos será o 29 de decembro). Entregaranos o martes 3 en Caranza, o mércores 4 en Recimil e o xoves 5 na Magdalena.