O alcalde ferrolán recibiu hoxe no pazo municipal ao presidente da Câmara da cidade portuguesa e acompañouno nunha visita ao porto exterior e aos dous estaleiros de Navantia
O presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo, José Maria Costa, visitou hoxe Ferrol dando cumprimento á recente invitación que lle remitiu o alcalde, Ángel Mato. Durante a recepción oficial no pazo municipal, acompañado polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, Costa charlou durante uns intres cos portavoces dos grupos políticos e con membros do goberno local e firmou no Libro de Ouro. O alcalde e o presidente da Câmara mantiveron previamente unha reunión de traballo durante a que trataron temas que atinxen a ambas cidades.
Na súa comparecencia ante os medios, Ángel Mato destacou que tanto Ferrol como Viana do Castelo teñen no mar un “motor de desenvolvemento económico” e que Costa acudiu ao encontro, auspiciado polo Eixo Atlántico, “para compartir experiencias comúns”. O rexedor lembrou que en Viana tamén hai un estaleiro, “que está agora mesmo acometendo importantes melloras”, entre as que se atopa o acceso ferroviario, e que nos próximos meses iniciará unha obra marítima para facer un dique novo, mais grande, con capacidade para o tipo de barcos que adaptados ao novo canal de Panamá.
Tamén se referiu a que fronte ás costas de Viana vanse instalar as estruturas flotantes que o estaleiro de Navantia Fene está a construír para EDP. Sobre elas, o presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo dixo que forman parte do “ maior proxecto europeo de enerxías renovables marítimas e o segundo maior do mundo”, un parque eólico mariño “moi innovador” do que destacou o traballo que se está a facer dende Ferrol para poñelo en marcha. Avanzou tamén que, se está contemplado que teña unha capacidade de produción de 25 megavatios, xa se prevé a súa ampliación. “Vai ser presentado a próxima semana en Bruxelas como un bo exemplo da bioeconomía a nivel europeo”, asegurou.
Defensa do naval a nivel europeo
José Maria Costa agradeceu “o convite e a hospitalidade” do alcalde e incidiu en que a visita ía servir para poñer en común “aquilo que se desexa para o futuro para as cidades atlánticas”. Costa dixo que debe haber “un posicionamento diferente” a nivel europeo respecto do que representan estas urbes marítimas, que por un lado “miran para as enerxías renovables” e por outro afrontan en primeira liña “o desafío da transformación dos navíos noutros máis sustentables” de gas. “Debemos facer unha defensa a nivel europeo deste sector”, dixo en referencia á construción e a reparación naval. O presidente da Câmara de Viana tamén falou do desenvolvemento do corredor atlántico, “que é un eixo fundamental para a conectividade das cidades marítimas” e que nun futuro o será “para a relación de toda a fachada atlántica co centro de Europa”. “Isto foi recoñecido en Bruxelas: os portos europeos están mal conectados”, afirmou. As cuestións do tráfico ferroviario, a problemática das autoestradas e as plataformas loxísticas son cousas que “tamén nos unen”, e para que “as nosas cidades poidan ter un novo papel, deben estar mellor conectadas”, insistiu para explicar que se está a loitar “para que o corredor atlántico sexa tamén unha prioridade dos investimentos do próximo programa de fondos comunitarios”. Por último, fixo un chamamento “aos Gobernos portugués, español e francés” para que coiden esta “ligazón” que comeza no sur de España e remata en Cherburgo, o último porto da fachada atlántica, porque “é fundamental para as nosas cidades”. Á marxe de colaborar en canto aos “desafíos da transición enerxética”, a muda da produción de enerxía mediante carbón para facelo a través de renovables, Costa mostrou o seu compromiso co alcalde de establecer unha relación cultural entre Viana e Ferrol, algo que, dixo, “xa está garantido”.
Na visita posterior ás instalacións de Navantia, acompañados tamén polo rexedor de Fene, o alcalde de Ferrol e directivos da empresa pública amosáronlle a Costa as capacidades dos dous estaleiros da ría e déronlle detalles dos programas constructivos en curso. En Perlío, o presidente da Câmara viu de cerca o proceso de construción das estruturas off-shore que se instalarán en Viana, a segunda das cales se atopa aínda no porto exterior ferrolán. Alí recibiu explicacións por parte dos técnicos de todos os pormenores do proceso de montaxe. Así mesmo, coñeceu a terminal de contedores.